Sedes

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra
O Edificio Castelao é a sede central da Bienal de Pontevedra. É o único edificio do Museo construído integramente de nova planta e pensado desde a súa orixe como espazo museístico. Situado no solar que antano ocupou a horta do Colexio dos Xesuítas, detrás da igrexa parroquial de San Bartolomeu e do Edificio Sarmiento, substituíu unha edificación previa da primeira metade do século xx, levantada como unha ampliación do Fogar Provincial. Para a elección do novo proxecto, a Deputación convocou un concurso de ideas, no que resultou elixido o dos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ulargui. As obras comezaron no 2004 e finalizaron no 2007, e a súa inauguración definitiva foi o 4 de xaneiro de 2013.
O edificio consta de seis pisos e unha superficie de 10.000 m2, dedicados a salas de exposicións permanentes e temporais, obradoiros de restauración e montaxe, salas de reserva, cafetería, un auditorio e varios espazos multifuncionais.
Está organizado en dous bloques ben diferenciados: un acristalado, que o une co Edificio Sarmiento a través dunhas pasarelas voadas, e un segundo bloque de aspecto compacto e pétreo desde o exterior, no que se atopan as salas de exposición.
Nos vinte e tres espazos nos que se mostra a colección permanente pódense percorrer a historia e a arte de Galicia desde a Baixa Idade Media ata a contemporaneidade, nun diálogo paralelo coa arte española doutras rexións. Algunhas das obras máis representativas son da autoría de figuras como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen debe o seu nome, Maruja Mallo, Joaquín Sorolla, Ramón Casas ou Fernando Álvarez de Sotomayor, entre outras.