Obras
Flores a Rwanda (2006)
Esta instalación está dedicada ás vítimas do xenocidio de Ruanda en 1994, cando o Goberno exterminou o 70 % da poboación tutsi, con máis de 500.000 mortes. Durante eses cen días, moitas mulleres foron violadas e contaxiadas deliberadamente co VIH como parte dunha estratexia para asegurar a súa morte e a da súa descendencia. Nesta peza, Paloma Navares utiliza tiras de flores de papoula que colgan xunto a fragmentos de corpos e figuras de nenas e nenos. A papoula, que desde a Primeira Guerra Mundial simboliza o recordo das vítimas de guerra, convértese aquí nun símbolo da violencia e do sufrimento. Con esta obra, Navares busca denunciar a situación das mulleres e das e dos nenos durante o xenocidio, utilizando a flor como unha forma de protesta fronte á guerra.
