Benvida
No 2010 a Bienal de Pontevedra deixou de formar parte da vida cultural da cidade. No 2025 decidimos que aquela ausencia non podía ser definitiva. Recuperala foi un acto de vontade, de compromiso coa cultura e de confianza no que Pontevedra lle podía ofrecer ao mundo.
Hoxe, dous anos despois, podemos dicir algo que para min ten un valor especial: a bienal non só regresou; está aquí de novo, e continúa.
Porque o difícil non é chegar. O difícil é permanecer. Despois de "Volver a ser humanos", no 2025, e da Bienal de Artes Vivas do ano seguinte, a Deputación e o Museo de Pontevedra volven traballar xuntos para que a bienal teña futuro. Non queremos que sexa un episodio extraordinario que se lembre con nostalxia, senón unha cita que forme parte da identidade cultural da nosa provincia.
Esta edición leva por título "A chama azul das soldaduras"; unha imaxe que nos fala da capacidade de unir o que é distinto sen borrar as diferenzas. E poucas ideas me parecen tan necesarias no tempo que vivimos.
Unha soldadura non consiste en facer desaparecer as pezas, senón en conseguir que, ao unilas, apareza algo novo. Creo que esa é tamén unha das grandes virtudes da arte: permitirnos descubrir vínculos onde só viamos distancia e comprender outras realidades desde unha perspectiva diferente.
Esta bienal parte da paisaxe, pero non se conforma coa súa aparencia. Porque o territorio é moito máis ca unha postal. É memoria, traballo, identidade e transformación. É o que herdamos, o que construímos e tamén aquilo que, ás veces, queda fóra do que vemos.
Desde Pontevedra, queremos abrir esa reflexión ao mundo. Dialogar con outras culturas e outras xeografías sen renunciar ao que somos. E facelo a través dunha arte contemporánea que nos sorprenda, que nos faga pensar e que nos axude a comprender mellor o tempo que vivimos.
A bienal volverá ocupar os espazos do Museo de Pontevedra, incorporará a Facultade de Belas Artes e abrirá unha nova sede en Vigo. Queremos que medre, que chegue a máis lugares e que permita que máis persoas se acheguen á arte contemporánea. Porque a cultura tamén se constrúe así: creando oportunidades para encontrarnos e compartir.
Quero agradecerlles especialmente a Ángel Calvo Ulloa e a Juan Canela o traballo que están facendo, así como a todas as persoas que están detrás desta bienal. Porque unha exposición destas dimensións non se constrúe só con boas ideas: necesita moito traballo, colaboración e ilusión.
En nome da Deputación de Pontevedra e do museo, invítovos a acompañarnos nesta nova edición. A achegarvos á arte con curiosidade, sen prexuízos e coa disposición a descubrir algo que non esperabades.
"A chama azul das soldaduras" é unha imaxe de transformación, pero tamén de continuidade. O importante non é só o momento no que se unen as pezas, senón aquilo que conseguimos construír a partir de aí.
E iso é o que queremos para a Bienal de Pontevedra. Que cada edición nos permita avanzar, que cada encontro deixe algo novo e que, dentro de moitos anos, ninguén teña que preguntarse se a bienal volverá; que saiba que a bienal forma parte da vida cultural de Pontevedra. E que aquí seguirá.