Nas marxes

No contexto da Bienal de Arte de Pontevedra de 2025, recentemente recuperada, tivo lugar un primeiro intento de incorporar un programa de artes vivas dentro da súa estrutura xeral. Aquela programación, despregada ao longo dos meses de apertura en distintos espazos da cidade e da provincia, funcionou como un campo de probas, como unha aproximación inicial ás formas en que as prácticas performativas podían entrar en diálogo co contexto da bienal e cos seus públicos.

Máis que un ensaio en sentido estrito, aquela experiencia pode lerse como un xesto de insistencia. Samuel Beckett escribiu "Try again. Fail again. Fail better" (Volve intentalo, fracasa de novo, fracasa mellor). Nesa lóxica inscríbese o impulso que atravesou esa proposta, non tanto baseado nunha idea de ensaio, senón na vontade de insistir, de afinar e de ir máis lonxe nesa convivencia co marco da bienal, ao desprazar os límites do que unha bienal pode acoller.

En 2026 damos un paso máis coa presentación da primeira Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, titulada Nas marxes. Nas beiras, nos bordos, nos limiares onde as categorías se dilúen e as prácticas atopan outras formas de aparecer. O título remite a eses espazos de fricción e de tránsito entre disciplinas, entre o visual e o escénico, entre o instituído e aquilo que aínda busca o seu lugar. Tamén sinala aquelas obras difíciles de conter nos circuítos habituais, pezas que non terminan de pertencer nin ao teatro nin ao museo e que atopan aquí un contexto propicio para despregarse.

Construír un programa implica articular unha constelación de voces que, en principio, non estaban destinadas a coincidir. Programar é activar un espazo de aproximacións, de encontros entre prácticas, corpos e imaxinarios que, ao entrar en relación, xeran novas formas de lectura. Non se trata só de ordenar propostas segundo unha lóxica pechada, senón de soster un territorio onde o heteroxéneo poida convivir sen resolverse. O programa configúrase, así, como un campo de tensións entre linguaxes, temporalidades e modos de facer. Nese cruzamento emerxen friccións, afinidades inesperadas, zonas de incerteza e momentos de revelación. Alén de trazar un percorrido estable, proponse abrir un espazo no que cada peza dialogue coas demais e con quen a atravesa.

Neste marco, o papel do público resulta fundamental, pois preséntase unha implicación activa que supón ollar, interpretar, cuestionar, deixarse afectar. O sentido non está dado de antemán e constrúese nese tránsito compartido, para que o programa deveña nunha estrutura aberta, en constante transformación, onde o que aconteza non se limite á escena e se expanda nos encontros, nas preguntas e nas formas de estar xuntos que se xeren tamén en relación co Convento de Santa Clara, sede do evento. Fundado no século xiii e habitado durante máis de setecentos anos por unha comunidade de monxas de clausura, deixa de ser unicamente un lugar de silencio e recollemento para converterse, logo da súa reapertura como sede da Bienal de Pontevedra, nun corpo activo que recibe e modula estas experiencias, nun lugar atravesado por outras presenzas, corpos en movemento, voces, xestos e resonancias que reconfiguran a súa memoria.

Nesta primeira edición, a igrexa, o coro, os xardíns e outros espazos do convento transfórmanse en lugares de encontro entre artistas e públicos. Acceder a lugares durante tanto tempo clausurados abre, tamén, novas posibilidades para as prácticas contemporáneas. A carga histórica e simbólica destes espazos actúa como materia activa coa que traballar. Moitos dos  artistas desenvolveron pezas específicas para estes contextos ou adaptaron traballos existentes para dialogar coa arquitectura, coa memoria e coa atmosfera do lugar. O programa inclúe, así mesmo, procesos en curso, traballos en desenvolvemento que se mostran no seu devir e lle permiten ao público asistir á súa construción. Estas propostas articúlanse en relación con iniciativas coma Residencias Paraíso, o festival Citemor de Montemor-o-Velho  ou TNT, Terrassa Noves Tendències, coas que esta bienal establece vínculos e complicidades.

As artes vivas son prácticas artísticas que suceden no aquí e no agora. Reúnen prácticas tan diversas coma a danza contemporánea, a performance, o teatro máis experimental, a música en vivo, a arte sonora, as prácticas vocais ou coreográficas, o circo e outras formas híbridas que se sitúan entre as artes visuais e as artes escénicas. Desde esta condición aberta e procesual, atravesada pola incerteza e a experimentación, inscribir unha lóxica de tentativa continua; unha lóxica baseada na secuencia de Beckett, ese intentar, fallar, volver tentar. Cada xesto e cada acción son unha exploración do que aínda non sabemos. Esta bienal propón, nese sentido, volver habitar  o convento de Santa Clara desde o movemento, a presenza e a experiencia compartida dos corpos que o activan.

Iñaki Martínez Antelo
Comisario