A chama azul das soldaduras

A partir do texto 1943 : le surréalisme et nous (1943: o surrealismo e nós), da poeta orixinaria de Illa Martinica Suzanne Césaire

 

Este proxecto aborda as dinámicas que interveñen na construción simbólica da paisaxe, poñendo en tensión a súa propia noción coas ideas de terra e territorio. Partindo da complexidade histórica e cultural de Galicia, propoñemos explorar, a través do traballo dun grupo de artistas procedentes de distintas xeografías e disciplinas, aquilo que queda fóra de toda construción da paisaxe: o que non alcanza a ser representado, o que se resiste a ser fixado como imaxe.

Estas reflexións resultan especialmente pertinentes nun presente no que a uniformidade provocada polo turismo, polos procesos extractivistas ou pola imposición dunha identidade global fronte ao propio —por poñer só algúns exemplos— ameaza con borrar a posibilidade de culturas vivas imbricadas nos seus territorios. Ao mesmo tempo, faise necesario reclamar as culturas populares máis alá dos procesos de folclorización e comprender a complexidade cultural producida polas idas e vidas, as migracións e as diásporas que atravesan as distintas xeografías. Volver, á fin, imaxinar un mundo no que caben moitos mundos.

Queremos desenvolver un proxecto que se aproxime a estas cuestións desde o próximo e o pequeno, articulando diálogos honestos entre distintas xeografías e poñendo no centro o traballo e os saberes das artistas. Os temas, as ideas e a propia estrutura do proxecto vanse trenzando a través dun proceso de traballo colectivo, acompañado por unha asemblea composta por algunhas das participantes. O proxecto constrúese así desde unha polifonía de voces que xorde do diálogo coas artistas e das reflexións que emanan dos seus traballos. Voces e xestos que brotan de territorios específicos, de experiencias e coñecementos situados, e que entran en relación a partir do próximo para configurar espazos de encontro.

Se o observamos cenitalmente, a través de Google Maps, Itabira —situado no corazón do estado brasileiro de Minas Gerais— presenta unha paisaxe desoladora. Rodeado de minas ao descuberto, este municipio foi desde o século xviii un dos puntos máis importantes para a extracción de ouro e, cando este se esgotou, comezaron a explotarse masivamente as súas reservas de ferro.

O poeta brasileiro Carlos Drummond de Andrade escribía en 1940: “Algúns anos vivín en Itabira. / Ante todo, nacín en Itabira. / Por iso son triste, orgulloso: de ferro”.

A Drummond dóelle Itabira e sentencia: “Itabira é apenas unha foto na parede. / Pero como doe!”.

Para pensar a paisaxe hai que asumir, en primeiro lugar, a distancia que o propio termo establece co territorio. Di o filósofo e etnólogo galego Emilio Araúxo que quen labrou os campos xamais se referiu eles como “paisaxe”, senón como “terra”. É tamén a distancia que describe o poeta galego Manuel María cando, en 1970, na súa declamación poética A paisaxe é fermosa, destripa a visión idealizada da paisaxe que a miúdo comparten a alta cultura e o turismo para devolvernos outra, menos idílica: a de quen percorre os seus camiños, traballa os seus campos e experimenta no seu propio corpo aquilo que a contemplación converte en paisaxe. Ao final do poema, o autor fai aparecer “a escura e cruel realidade, oculta baixo as fermosas formas da paisaxe”.

La vuelta de Don Francisco (Regreso del indiano) [A volta de Don Francisco (Regreso do indiano), unha gran pintura realizada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1916, mostra o regreso dun indiano tras o éxito da emigración. En primeiro termo, o Don e o ancián que o recibe con cara de circunstancia son observados por un neno que emerxe tras o muro que atravesa a escena e conduce a nosa mirada cara ao fondo, onde o resto da comitiva sobe o camiño cargando, coa cabeza baixa e coas súas pertenzas.

O que Castelao representa non é, como habitualmente se escribiu, unha escena pintoresca, senón unha atravesada polo abuso. Nela aparece non só o desprezo do prohome cara ao seu pobo, senón tamén a sombra do abuso ultramarino, exercido alén do Atlántico. A mirada do neno —un recurso estendido na pintura para incorporar un personaxe que interpela directamente as e os espectadores— convértenos en testemuñas.

En 1957, no número 30 da revista Galicia Emigrante, Luis Seoane referíase ao cinema de Xosé Suárez e Carlos Velo cunha afirmación que podería funcionar como unha das claves deste proxecto: “Non era un cine patrioteiro, pintoresquista, exaltando a Galicia con falsedade; era socialmente auténtico”.

Seoane falaba de Galicia (1936) e Mariñeiros (1938), filmadas, respectivamente, por Velo e Suárez nos albores da Guerra Civil. Máis alá das vicisitudes e desaparicións que acompañaron ambas as películas, o seu comentario fixa dalgún modo unha posición desde a cal abordar este proxecto: achegarnos a un territorio a través das súas intrahistorias, evitando convertelo nunha imaxe pechada de si mesmo.

Unha terra que se revela como espazo de idas e voltas, con todas as súas complexidades; entendida a miúdo como periférica, pero que tamén pode pensarse como centro de múltiples cruzamentos e, desde aí, como punto de partida para análises máis amplas.

Quen constrúe a idea de paisaxe e por que? Cales son as súas marxes? Que relación existe entre esa construción e a violencia exercida por unhas persoas sobre outras? É aquilo que queda fóra desa construción o que realmente define un territorio? Como se relaciona un territorio considerado periférico coma o galego —máis alá da súa construción como paisaxe— con outros territorios de ultramar cos que conectou historicamente? Como se constrúen, tamén alí, paisaxes propicias para o espolio? Cal é o lugar do océano como ente vivo e transmisor de coñecementos dentro desta trama? Como se relacionan os corpos cos territorios que habitan? Como se articulan os saberes populares cos seus territorios sen quedar reducidos a procesos de folclorización?

Estas preguntas permiten desprazar a mirada desde Galicia cara a outras xeografías sen convertelas en equivalentes. O que interesa son precisamente as relacións, resonancias e friccións que poden establecerse entre experiencias históricas e territoriais distintas.

O filósofo francés Alain Badiou, nas súas impresións acerca de Nós —a compilación de corenta e nove estampas realizadas por Castelao entre 1916 e 1918—, atopa precisamente esa posibilidade de partir do situado para alcanzar algo que o excede: un vínculo “íntimo e universal á vez” cun país real, “un país dun pobo, e non dunha abstracción estatal”.

Desde Panamá, a historiadora Marixa Lasso formula preguntas semellantes a propósito do levantamento popular que no 2023 freou a concesión a unha mineira canadense. Pregúntase pola contaminación producida por determinadas actividades mineiras, pola expulsión de seres humanos das terras onde naceron e morreron os seus antepasados e, nun sentido máis amplo, polas formas de violencia que aceptamos para soster determinados modelos económicos, sociais e culturais.

En 1943, desde Illa Martinica, Suzanne Césaire escribía 1943 : le surréalisme et nous (1943: o surrealismo e nós), un texto que sinalaba a potencia do surrealismo para as loitas anticoloniais. Fronte ás oposicións impostas pola orde colonial —brancos e negros, europeos e africanos, civilizados e salvaxes—, Césaire imaxinaba a posibilidade de recuperar outras fontes vivas e outras formas de relación. A “idiotez colonial”, escribía, sería purificada na chama azul das soldaduras.

A imaxe resulta especialmente fértil para este proxecto. A chama transforma, pero tamén permite unir. Soldar implica achegar materias distintas sen facer desaparecer necesariamente a súa diferenza. A chama pode entenderse entón como unha imaxe das relacións que buscamos ensaiar: aproximacións entre corpos, territorios, memorias e coñecementos capaces de producir algo que antes non existía.

Na mesma illa, e por aqueles mesmos anos, o escritor francés Édouard Glissant desenvolvía o seu pensamento nas marxes caribeñas do surrealismo. Fronte a unha idea do mundo organizada ao redor de identidades pechadas, Glissant idea o concepto de “creolización”: procesos de relación entre culturas e elementos distintos cuxo resultado non pode coñecerse de antemán. A imprevisibilidade resulta aquí fundamental. O que emerxe do encontro non é a simple suma daquilo que xa existía, senón outra cousa.

“Nós queremos axudar a enriquecer o mundo coa nosa diferenza”, será unha idea que Luis Seoane lle transmitirá a Isaac Díaz Pardo desde o seu exilio en Bos Aires, ao redor de 1962. A achega de Galicia ao mundo non debía pasar pola asimilación nin pola renuncia ao propio, senón pola posibilidade de proxectar a súa diferenza. Esta non sería un obstáculo para a relación, senón precisamente aquilo desde o que entrar nela.

Os distintos casos aquí reunidos establecen liñas de contacto coas dinámicas que afectan a construción simbólica da paisaxe e permiten observar como determinados relatos institucionais se tecen a partir de intereses que ocultan conflitos históricos rexistrados nos territorios.

En Galicia, esas políticas da paisaxe atravesan cuestións tan diversas coma as resistencias medioambientais —das loitas polos montes comunais a Nunca Máis ou Altri Non—; a conflitividade laboral —das tractoradas contra as cotas lácteas da Comunidade Económica Europea ás históricas folgas do sector naval en Vigo e Ferrol—; as crises educativas; o abandono do campo e a fin de determinados modelos de autoabastecemento; as migracións internas e exteriores, pero tamén aquelas que Galicia recibe e as maneiras en que o fai; os exilios, a subalternidade e as disidencias; ou fenómenos coma o narcotráfico das décadas de 1980 e 1990 e a expansión dun turismo voraz durante os últimos vinte anos.

Todo iso entra en contacto con aquilo que chamamos “ultramarino”: o pertencente a territorios aparentemente afastados que, con todo, atravesan a historia, a cultura e mesmo o vocabulario dun pobo que atopou na fuxida unha das súas constantes.

“Iste vaise i aquel vaise / e todos, todos se van”, escribirá Rosalía de Castro.

Tentar comprender as complexidades dun territorio que asumimos como propio e, ao mesmo tempo, aquelas que atravesan terras que consideramos alleas pode ser unha maneira non só de depurar responsabilidades, senón tamén de recoñecer semellanzas sen borrar diferenzas e de formular posicións fronte a aquilo que, aínda parecendo afastado, nos conecta de maneira case umbilical.

Entre unhas terras e outras queda o océano. Non unicamente como distancia ou separación, tamén como espazo de circulación, memoria, desprazamento e relación.

“Só o océano é capaz de roubarnos, e igualmente devolvernos, a visión descomunal da realidade”, escribe Nélida Piñón en A república dos soños, nun intento por conciliar a súa ascendencia galega e o seu Brasil natal.

 

 

Ángel Calvo

Juan Canela