Obras

Flor de 6 pétalos (2025)

Forma parte da súa serie Pintura site, desenvolvida desde 2002 por Almudena Fernández Fariña en distintos centros de arte. A intervención consiste nun pavimento situado no patio interior do Edificio Castelao, onde crecen fentos centenarios. A artista usa a flor como símbolo para reflexionar sobre un presente de crises ecolóxicas, guerras e un futuro incerto. Inspírase no filósofo Byung-Chul Han cando di que “Deus lle regalou flores ao ser humano para aliviar o máis irrefreable da violencia”, co que suxire que a beleza natural pode ser un refuxio fronte á agresividade humana. A obra toma como referente a flor hexapétala, representada no tímpano orixinal da igrexa de San Martiño, o cal se conserva no Museo de Pontevedra. Este motivo, con raíces na tradición pagá, empregouse ao longo da historia como símbolo de protección e divindade. O tímpano de San Martiño, ao que fai alusión a obra, mostra no seu anverso a imaxe de san Martiño dentro dunha mandorla, sostida por dous anxos. No reverso, atópanse dous círculos con flores hexapétalas, o que subliña o simbolismo da creación, a divindade e a eternidade. A través deste símbolo, Fernández Fariña establece un vínculo coa historia do lugar e convida a reflexionar sobre a fraxilidade humana e a esperanza en tempos de crise. A flor hexapétala, presente desde a Idade de Bronce en diferentes civilizacións, foi interpretada de diversas maneiras ao longo da historia, pero todas a ven como un emblema do sol, da creación e da eternidade. Coa súa obra, a artista propón unha conexión entre o pasado e o presente, nun intento por buscar esperanza e resistencia ante as dificultades actuais.

<em>Flor de 6 pétalos</em> (2025)
Flor de 6 pétalos (2025)
Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais