Obras
Colour Square Sphere (Esfera cadrada de cor, 2007)
Esta obra de Olafur Eliasson utiliza espellos, vidro tinguido, marcos de aceiro inoxidable e lámpadas para crear un calidoscopio en tres dimensións que ilumina o espazo. Nesta peza varios cadrados rodean un pentágono para formar un padrón complexo de figuras xeométricas, coma triángulos, rombos e outros elementos, e crear unha sensación de movemento e profundidade. Ao observar a través dos ocos cadrados, o reflexo do vidro xera a ilusión dunha esfera construída só por cadrados, mentres os reflexos de cores se proxectan sobre as superficies circundantes, o que dá lugar a un espectáculo visual fascinante. O artista busca xerar un ambiente onde as e os espectadores non só se formulen preguntas, senón que se involucren na procura de respostas, o que pode abrir un espazo para a esperanza e a imaxinación. Nas súas obras, Eliasson quere converterse nun pequeno sol que ilumine a escuridade da noite de cada persoa e convidar a todas elas a soñar e a pensar nun futuro mellor.
