A Deputación ponlle o colofón á 32.ª Bienal de Arte coa inauguración de dúas obras de Soledad Penalta e Idoia Cuesta que adquiriu para a Illa das Esculturas

O vicepresidente, Rafa Domínguez, destaca que o acto de hoxe demostra que a bienal non é un evento illado, senón un proxecto ambicioso para a cidade e a provincia

23/04/2026

A Deputación ponlle o colofón á 32.ª Bienal de Arte coa inauguración de dúas obras de Soledad Penalta e Idoia Cuesta que adquiriu para a Illa das Esculturas

A Deputación acaba de poñerlle o colofón á 32.ª Bienal de Pontevedra coa inauguración hoxe das obras Mirando inacabable, de Soledad Penalta, e El peso de la memoria, de Idoia Cuesta. Estas obras de grandes dimensións adquiriunas a Deputación para a súa instalación na Illa das Esculturas, como parte da edición coa que se recuperou a bienal despois de 15 anos de ausencia e que, por cuestións técnicas, non se puideron instalar ata agora.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, foi o encargado de inaugurar as esculturas, acompañado do concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez; a directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Isabel Couselo Torres; o comisario da edición pasada da bienal, Antón Castro; a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; e as propias artistas.

Domínguez salientou na súa intervención que o acto de hoxe demostra que a bienal non é un evento illado, senón un proxecto ambicioso para a cidade e a provincia: “Creo que superamos con creces os obxectivos que nos marcaramos. O principal era recuperala, e diso non hai dúbida porque xa estamos traballando na de 2027 e despois haberá que traballar na do 2029 e do 2031. Pero había outros obxectivos e un dos definidos polo comisario desde o primeiro momento era recuperar esta Illa das Esculturas”.

O vicepresidente incidiu na importancia que a instalación destas obras ten para a cidade: “creo que isto vai facer que máis xente se achegue a Pontevedra e á Illa das Esculturas e vexa todas as obras. É unha forma de revitalizar o proxecto, traer dúas grandes artistas para que dialoguen coa contorna e cos outros grandes artistas que aquí estiveron, e creo que o conseguimos”. Domínguez concluíu reivindicando que a “bienal vén para quedar en Pontevedra, e estas obras van permanecer ao longo da historia desta cidade”.

A directora do Museo, Ángeles Tilve, salientou que “a bienal é un proxecto continuo, e estas esculturas funcionan como unha ponte entre a edición pasada e a que xa estamos preparando para o 2027. A súa permanencia na Illa das Esculturas recórdanos que este é un proxecto que aspira a perdurar, que vai máis alá dun evento puntual”. Sobre as obras presentadas, Tilve valorou que “mentres a peza de Soledad Penalta nos mira desde arriba, desde un horizonte que a pedra trata de alcanzar sen conseguilo de todo, a de Idoia Cuesta báixanos á terra, ao corpo, ao peso concreto do que fomos; xuntas, forman un arco: o que voa e o que arraiga”.

Dúas novas esculturas

As esculturas inauguradas hoxe encádranse na temática “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, que marcou a 32.ª edición da Bienal de Pontevedra e que a Deputación recuperou o verán pasado logo de 15 anos de ausencia. Están situadas na Illa das Esculturas, un proxecto de arte na paisaxe impulsado por Rosa Olivares e Antón Castro, que se materializou en 1999 na illa do Covo, na cidade de Pontevedra. Natureza, arte e paisaxe fúndense nunha exposición permanente ao aire libre, na que figuran 12 esculturas en pedra de artistas de referencia internacional, entre eles, Giovanni Anselmo, Dan Graham, Francisco Leiro e Richard Long, ás que agora se lles suman as de Penalta e Cuesta.

Mirando inacabable, de Soledad Penalta, é unha escultura monumental que apunta ao infinito a través dunha sucesión de formas modulares en granito que remiten vagamente á xeometría de avións de combate. Reflicte o conflito contemporáneo ao mostrar a tensión e a inseguridade da nosa época e a fraxilidade ante un futuro incerto.

Soledad Penalta (Noia, 1943) é unha das escultoras máis destacadas da súa xeración. A súa carreira caracterízase pola exploración con diferentes materiais, que van desde a cerámica ata o metal, o ferro, o aceiro e, máis recentemente, o granito. Penalta traballa cos materiais, escoitándoos e interpretándoos, creando formas que fusionan o humano e o vexetal. Ademais, incorpora a palabra como parte fundamental da súa arte, traballando con textos de autores coma Omar Jayam e Jorge Oteiza.

El peso de la memoria é unha figura en pedra de máis de tres metros de altura que Idoia Cuesta pensou para a Illa das Esculturas. A súa forma lembra un corpo humano en tensión, coma se tentase avanzar, manterse erguido ou alzar a voz. Varias cordas de cor vermella, tecidas á man, envólveno por completo, inmobilizándoo. A obra constrúese desde unha relación directa co corpo e coa materia, e o xesto de trenzar, apertar ou suxeitar cárgase de sentido. 

O traballo de Idoia Cuesta (San Sebastián, 1969) sitúase no cruzamento entre a artesanía, a arte contemporánea e a investigación sobre as formas e a materia. A súa formación en bioloxía marcou o inicio dunha mirada analítica que soubo trasladarlle á súa práctica artística. Na cestería desenvolveu unha linguaxe propia a partir de materiais naturais e procedementos tradicionais. Establecida no rural de Galicia, as súas pezas funcionan como ferramentas para repensar o corpo, o territorio e a memoria. Nelas, o xesto de trenzar, anoar ou envolver adquire unha dimensión simbólica e política.