Comisariado

  • Antón Castro Instagram

    Comisario
    Antón Castro

    Antón Castro é  catedrático de Arte Actual da Universidade de Vigo  (UVigo) e membro de AICA-France, a Asociación Internacional de Críticos de Arte de París.

    Foi profesor de arte contemporánea e profesor visitante e impartiu mestrados e cursos en diferentes facultades universitarias, coma nas de Belas Artes e Ciencias Sociais da UVigo, no Instituto Superior de Arte da Habana, na Escola Comunitaria de Queensborough (Universidade da Cidade de Nova York), na Facultade de Belas Artes de Salamanca, na Universidade de Milán e anteriormente en París, onde viviu na década dos oitenta. Foi director de diferentes cursos da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, os dous últimos (2013 e 2014) sobre o "Primeiro Picasso".

    Foi director do Instituto Cervantes de Milán (2004-2008) e do Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Cultura (2008-2010).

    Foi membro dos padroados da Alhambra de Granada, do Arquivo de Indias, da Fundación Lázaro Galdiano e de Obras Pías, entre outros. Ademais, forma parte do Comité Asesor do Centro Galego de Arte Contemporánea.

    É colaborador habitual en suplementos culturais e revistas de arte, pensamento ou literatura, coma Lápiz (Madrid), Beaux-arts magazine(París), Flash Art (Milán), Contemporánea (Nueva York), Coloquio Artes (Lisboa), Goya (Madrid), Il confronto letterario (Universidade de Pavia), Tintas (Universidade de Milán), Arts (MPDI AD, Basilea), Arte, Individuo y Sociedad (Universidade Complutense de Madrid), Ars Longa (Universidade de Valencia) ou Quintana (Universidade de Santiago de Compostela), entre outros. Comisariou máis de duascentas exposicións en España, Francia, Alemaña, Portugal, Italia, Croacia, Bulgaria, diversos países latinoamericanos e Estados Unidos. A última delas, Picasso blanco en el recuerdo azul, no marco do 50 aniversario da morte do pintor (1973-2023).

  • Agar Ledo Instagram

    Comisaria adxunta
    Agar Ledo

    Agar Ledo Arias é historiadora da arte Pola Universidade de Santiago de Compostela  e técnica de procesos de investigación no Museo de Pontevedra. Entre 2019 e 2022 traballou como comisaria e asesora de adquisicións no Departamento de Coleccións do Museo Reina Sofía, onde formou parte do equipo curatorial da mostra Vasos comunicantes. Colección 1881-2021. Previamente, entre 2006 e 2018, dirixiu e coordinou exposicións de diferentes artistas (Tino Sehgal, Thomas Hirschhorn, Martin Creed, Tania Bruguera, Teresa Margolles...) no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Comisariou exposicións de artistas coma Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean a práctica artística. Cun mestrado en Museoloxía (Universidade de Alcalá) e outro en Arte e Política (Goldsmiths, Universidad de Londres), realizou estancias de formación no Museo de Arte Fred Jones Jr. (Norman, Oklahoma, Estados Unidos), en Le Consortium (Dijon, Francia), no Museo de Arte Contemporánea de Lyon (Francia) e no Independent Curators Interantional, ICI (Nova York). A súa carreira profesional transcorreu en espazos coma a 1.ª Bienal Internacional de Arte Contemporánea de Sevilla (2004), a Fundación Luis Seoane (A Coruña, 2005) ou o Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela, 1998-2004), de cuxo Consello Asesor forma parte como vogal. É membro do Consello de Redacción da revista Grial (Galaxia, Vigo) e do Comité Asesor dos Museos da Área de Cultura do Concello de Málaga.

  • Iñaki Martínez Antelo Instagram

    Comisario de artes vivas
    Iñaki Martínez Antelo

    Iñaki Martínez Antelo (1969, Santiago de Compostela) é licenciado en Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun mestrado en Estética pola Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), polo Auditorio de Galicia e por Casa Asia, foi director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo desde 2005 ata 2017. Foi presidente da Asociación de Directoras e Directores de Arte Contemporánea de España e formou parte do comité da colección DKV. Foi xurado de numerosos galardóns, coma o Premio Nacional de Artes Plásticas ou o Velázquez, entre outros moitos, e desde 2016 é membro do xurado do Premio Cervezas Alhambra. Ademais, acaba de incorporarse ao Comité de Adquisicións de Es Baluard, o Museo de Arte Contemporánea de Palma de Mallorca.

    Entre os comisariados máis recentes, destacan o de Angela de la Cruz en Casal Solleric de Palma de Mallorca (2025) ou o do ciclo Infiltracións no Museo de Pontevedra (2024-2025), ademais de Lazos mecánicos no Museo Artium de Vitoria (2024-2025); a mostra de Vasco Araújo na Fundación DIDAC (2024); Océano mar no Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque de Madrid (2023); El bosque del Prado (2022), de Maider López, no Real Xardín Botánico de Madrid; Sons improbábeis (2022) e Mirar o son (2020), no Auditorio de Galicia; e La Ribot. Manual de uso (2020), no CGAC. En 2020, fundou a Cooperativa Performa, desde a que realiza proxectos coma Plataforma, o festival de artes performativas, en Santiago (2020-2025) e Santander (2024-2025), comisariados coma O museo como escenario (2022) ou Accións peregrinas (2021), de Pilar Albarracín, no CGAC, entre outros proxectos.

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais