O ciclo Cine, Arte e Guerra propón oito filmes de ficción, de animación e documentais para reflexionar sobre os conflitos bélicos
O ciclo, en colaboración co festival Novos Cinemas, inclúe seis proxeccións entre o 29 de maio e o 17 de xullo
27/05/2025
A Bienal de Pontevedra pon en marcha este xoves o primeiro dos seus ciclos de programación paralela, a modo de antesala para a inauguración da 32.ª edición o próximo sábado 21 de xuño. O ciclo Cine, Arte e Guerra comeza este xoves 29 de maio, ás 23 h, coa proxección no xardín do palacete das Mendoza de Démanty noci (Diamantes da noite), dirixido por Jan Němec. A entrada é libre ata completar a capacidade.
Démanty noci é un filme checoslovaco de ficción do ano 1964, de 67 minutos de duración. Conta a historia de dous nenos xudeus que escapan dun tren que os conduce a un campo de concentración e que non poden deixar de correr e ocultarse se desexan sobrevivir.
O ciclo de cine está organizado en colaboración co festival Novos Cinemas. Ao longo de seis sesións con películas de ficción, de animación e documentais, o ciclo presenta historias que falan do conflito, da represión, da resistencia, da memoria ou da destrución do territorio. O cinema preséntase aquí como unha ferramenta para pensar e sentir a guerra desde múltiples perspectivas. Os filmes evidencian como certos conceptos universais se fan visibles na pantalla; por exemplo, a guerra, entendida como unha realidade presente en todas as épocas, territorios e culturas.
O programa estrutúrase en seis sesións que combinan xéneros e formatos, cunha selección que procura ser o máis diversa posible en canto á orixe xeográfica e aos períodos de produción das obras. Agás a desta semana, o resto de sesións do ciclo terán lugar ás 19 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
O xoves 5 de xuño proxectarase Hitler contro Picasso e gli altri (Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos), unha produción de Italia, Francia e Alemaña dirixida en 2018 por Claudio Poli. O xoves 12 de xuño poderase ver os documentais de Lionel Rogosin Good Times, Wonderful Times (Bos tempos, marabillosos tempos) e Arab Israeli Dialogue (Diálogo árabe-israelí), de 1965 e 1974, respectivamente.
As tres seguintes sesións serán xa en xullo. O xoves 3 proxectarase o clásico francés Le silence de la mer (O silencio do mar), dirixido por Jean-Pierre Meville en 1949. O filme de animación Kaze no Tani no Naushika (Nausicaä do Val do Vento), do mestre Hayao Miyazaki, chegará á pantalla do auditorio do Edificio Castelao o mércores 9. O ciclo pecharase o xoves 17 cunha dobre sesión con dous filmes sobre conflitos bélicos nos séculos XVIII e XX que realizou Peter Watkins a mediados dos sesenta: Culloden e The War Game (O xogo da guerra).