Volver a ser humanos

"A verdadeira cultura humanista é aquela que nos ensina a vivir en harmonía con nós mesmos, cos demais e co mundo…
A arte de ser humanos é unha chamada para servirlle á vida, poñerlles fin ao odio e ao medo"
Rob Riemen

"A guerra racha, desgarra. A guerra rompe, destripa. A guerra abrasa. A guerra desmembra. A guerra arruína"
Susan Sontag

Volver a ser humanos

 

A historia da humanidade estivo marcada pola guerra, un fenómeno que deixou fondas pegadas na nosa identidade colectiva. En conflitos actuais coma o de Rusia e Ucraína, os enfrontamentos en Gaza, Líbano, Sudán ou Malí, entre outros, a violencia segue afectando millóns de persoas. Na súa 32.ª edición, a Bienal de Pontevedra aborda estes temas, analizando as guerras non só como combates bélicos, senón como crises que destrúen o tecido social, emocional e económico das sociedades. Inspirada en pensadores coma Rob Riemen e Susan Sontag, a exposición propón que, para superar estes conflitos, os seres humanos deben "volver a ser humanos", recuperar a súa capacidade de reflexión e empatía. A través da arte, da espiritualidade e da imaxinación, esta exposición busca ofrecer unha resposta de esperanza e convidar á reflexión e á curación colectivas.

Así pois, a arte, a espiritualidade, a maxia e a imaxinación preséntanse como ferramentas esenciais para reconstruír o que a guerra tentou destruír. Mediante metáforas, símbolos e narrativas alternativas, preténdese tender pontes entre as diversas experiencias humanas, entre as fronteiras do visible e do invisible, do real e do imaxinado. O obxectivo é crear un raio de esperanza que impulse a humanidade a reencontrarse consigo mesma, a reconstruír un futuro onde a guerra non sexa o destino, senón a superación da escuridade a través da luz, do amor e da verdade. Só mediante este exercicio de retorno ao humano, o rescate da memoria e unha comprensión profunda, podemos aspirar a un mundo no que a guerra non sexa a resposta, senón o recordatorio dunha crise que nos ensinou a importancia de ser humanos. Máis aló das guerras, ese "volver a ser humanos", exposto por Riemen en resposta aos conflitos, sitúanos no contrapunto que se dirime entre o humanismo e o posthumanismo, inicio e fin da exposición.

Ao longo dunha decena de espazos repartidos por toda a cidade, a bienal propón un cruzamento de voces e linguaxes e fomenta un diálogo entre a violencia e a paz, as migracións e os exilios, así como entre a escuridade da guerra e a luz da esperanza. Máis de sesenta artistas de diversos países, incluídos algúns de zonas en conflito, participan con obras que abordan temas coma a espiritualidade, o amor, a tolerancia, a verdade e a utopía. A exposición comeza con Os desastres da guerra, de Goya, unha serie que establece as bases para explorar o sufrimento humano e as formas de resistencia fronte á violencia. Nos diferentes espazos preséntanse obras contemporáneas que tratan a guerra desde diferentes perspectivas e empregan metáforas e símbolos que convidan á reflexión sobre como reconstruír a nosa humanidade a través da arte, da memoria e do pensamento. E máis aló da guerra, a súa resposta, "Volver a ser humanos", na súa esencia máis pura o humanismo, non só promove unha visión do mundo, senón que aspira a transformar a nosa relación co universo nunha danza harmónica entre todos os seres e a súa contorna. É unha proposta que vai máis aló do individuo, que avoga por unha educación que nutra espiritualmente e desenvolva integralmente o ser humano, no seu contacto co transcendental e co cotián. Nun espectro diametralmente oposto, o transhumanismo eríxese como o intento por transcender as nosas limitacións biolóxicas a través da tecnoloxía, utilizando ferramentas coma a intelixencia artificial e a biotecnoloxía para reconfigurar a nosa natureza, modificando as nosas capacidades físicas e mentais coa promesa dun futuro mellor.

Ambos os movementos, aínda que disímiles nas súas aproximacións, nútrense dos valores da Ilustración, coma o coñecemento e o progreso, pero os seus camiños difiren radicalmente. Mentres que o humanismo mantén unha mirada holística, que ancora no espiritual e no ético, o transhumanismo aposta por un futuro cimentado na ciencia e na tecnoloxía. A memoria e a tradición, alicerces que as dúas correntes valoran, abórdanse desde perspectivas contrapostas: o humanismo mira cara ao pasado en busca de valores morais e unha relación máis respectuosa coa natureza, mentres que o transhumanismo, na súa procura de solucións tecnolóxicas, trata de proxectar un futuro no que a sostibilidade e a ecoloxía se xestionan como problemas que resolver desde a innovación técnica.


X. Antón Castro
Agar Ledo

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais