Benvida

A Bienal de Pontevedra non volve; renace. E faino ao estilo dos grandes relatos, eses que, ao ser contados de novo, nos permiten ver a vida desde outra perspectiva. Durante demasiado tempo, o silencio ocupou o espazo onde antes habitaba a arte. Hoxe, neste 2025, a cidade volve a pronunciar o seu nome a través da creación contemporánea. Desde este recuncho bañado polo Atlántico, miramos de novo ao mundo, coa certeza de que a arte non só nos reflicte, senón que tamén nos transforma.
Esta bienal é máis que un evento: é unha afirmación de ideais. Reunimos artistas que desafían, que alzan a voz, que nos ofrecen outras formas de mirar. Porque a arte non pode manterse á marxe do sufrimento nin da beleza. Quixemos que esta edición fose profundamente humana, no sentido máis amplo da palabra: que fale do tempo que vivimos, que nos incomode e nos console, que cuestione as nosas certezas e nos convide a pensar doutra maneira. Nun mundo que se fragmenta, a arte pode ser o último que nos una.
Durante tres meses, Pontevedra será unha cidade sen límites; unha cidade que se pensa a través da arte e que atopa na cultura o seu mellor camiño cara ao futuro. Desde Santa Clara ata a illa das Esculturas, esta bienal traza un mapa emocional dos nosos territorios. Non concibimos a cultura como adorno nin como privilexio, senón como un dereito que une, que abre portas, que nos permite imaxinar o que aínda non existe. Esta bienal é un pacto: entre o que fomos, o que somos e o que queremos chegar a ser.
E reafírmome: non nos chega con organizar unha exposición. Aspiramos a que esta bienal acenda un diálogo que perdure máis aló de nós. Porque a arte, cando é verdadeira, non só decora os muros, atravésaos. En nome de Pontevedra, da Deputación e do Museo de Pontevedra, anímovos a mirar con outros ollos, a sentir con outra sensibilidade. Porque volver a ser humanos ―como di o noso lema― é tamén volver a escoitar o eco dunha obra, a delicadeza dun trazo, a valentía dunha forma. Volver a ser humanos, si. E facelo todas e todos xuntos.