Pontevedra, cidade creativa

Situada no corazón das Rías Baixas, Pontevedra eríxese como un polo cultural de referencia en Galicia. Cidade camiñable e acolledora, combina historia e vangarda, tradición e innovación, unha contorna fértil para a creación contemporánea.

Sede do Museo de Pontevedra, unha das institucións culturais máis relevantes do noroeste peninsular, a cidade tamén alberga espazos chave para o pensamento e a práctica artística coma as facultades de Belas Artes e de Deseño, integradas no Campus CREA. Este campus, recoñecido pola súa aposta pola especialización a través da arte, da comunicación e da creatividade, impulsa áreas coma a educación, a innovación social, o deporte, a saúde, o benestar ou o medio.

A Facultade de Deseño, de recente creación, representa unha das apostas máis ambiciosas do sistema universitario galego no ámbito da creatividade aplicada. O seu enfoque interdisciplinar e conectado coas demandas do presente sitúa o deseño como unha ferramenta chave para transformar a sociedade, mellorar a calidade de vida e achegar solucións innovadoras en múltiples contextos. Desde o deseño gráfico e de produto ata o deseño de servizos, a facultade promove unha formación sólida, crítica e orientada ao impacto, en estreito diálogo coa contorna profesional, empresarial e cultural.
A este ecosistema súmanselle outras institucións fundamentais para a formación artística e a conservación do patrimonio.

A Facultade de Belas Artes de Pontevedra, unha das máis recoñecidas do contexto universitario español, destaca polo seu enfoque contemporáneo, polo seu compromiso coa investigación artística e polo seu estreito vínculo co tecido cultural da cidade. A súa comunidade de estudantes, docentes e creadoras e creadores contribúe de forma activa ao dinamismo cultural pontevedrés.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con sede en Pontevedra, é un centro pioneiro na formación de profesionais especializadas e especializados na protección, estudo e restauración do patrimonio artístico. A súa actividade conecta a tradición coas técnicas máis actuais e constitúe un alicerce clave para o coñecemento e coidado da memoria cultural galega.

Pola súa banda, o CIFP de Cantería de Galicia mantén viva unha das tradicións artesanais máis emblemáticas do país: o traballo en pedra. A través dunha formación altamente especializada e ligada ao oficio, esta escola proxecta a cantería cara ao futuro e une saberes ancestrais con novas linguaxes construtivas e artísticas.

A illa das Esculturas, situada na marxe do río Lérez, é un dos exemplos máis visibles de como a arte contemporánea forma parte da paisaxe cotiá pontevedresa. Este parque escultórico ao aire libre, con obras de artistas nacionais e internacionais, reforza o vínculo entre arte, natureza e cidadanía, e constitúe un espazo emblemático dentro do mapa cultural da cidade.

Pontevedra é hoxe unha cidade laboratorio, un lugar que inspira, acolle e proxecta a creación desde o local cara ao global. A Bienal de Arte atopa nela un escenario natural para o diálogo entre artistas, cidadanía e territorio.

Con esta rede de centros e iniciativas, Pontevedra consolídase como unha cidade que non só acolle a creación, senón que a forma, a protexe e a proxecta.

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais