PROGRAMA DE ARTES VIVAS

PROGRAMA DE ARTES VIVAS

Na 32.ª edición da Bienal de Pontevedra, o programa de artes vivas concíbese como un corpo en movemento que percorre distintos espazos da cidade de Pontevedra e a súa provincia, habitándoos desde o efémero, o sensible e o colectivo. Comisariado por Iñaki Martínez Antelo, este programa desprega unha dramaturxia expandida na que a acción, a presenza e a relación coa contorna se sitúan no mesmo centro da experiencia artística.

As artes vivas, lonxe de ser unha categoría pechada ou unha disciplina establecida, son un campo de creación híbrido, transdisciplinar e permeable, onde conflúen o espectáculo, a danza, a poesía, a música experimental ou a acción participativa. O vivo non se refire só ao corpo da ou do artista en escena, senón tamén á dimensión relacional, ao acontecemento compartido, ao aquí e agora que se xera entre obra, espazo e público.

Nunha bienal co título "Volver a ser humanos", neste momento que vivimos atravesado por guerras, desprazamentos forzados, crises humanitarias e violencias que fracturan o tecido social e emocional, as artes vivas convértense nun espazo para axudarnos a pensar en que significa hoxe "ser humanos". "Volver a ser humanos" non é unha consigna nostálxica, senón unha práctica crítica. As accións, espectáculos de danza e concertos que nos propoñen volver ao corpo como territorio político, sensible e afectivo.

As artes vivas, pola súa capacidade de interpelar desde a presenza, activan outros modos de atención, outras formas de convivir. Este ciclo reúne artistas que traballan desde o corpo como arquivo, como ferida, como limiar, como refuxio. Nun momento en que os discursos de odio gañan terreo, afirmamos o valor do fráxil, do incompleto, do vivo, xa que pensamos que o contacto coa arte en directo é máis necesario que nunca.

Con este programa queremos activar as distintas sedes da bienal e outros espazos como lugares de experiencia compartida; explorar o corpo como un arquivo vivo, como fronteira, como resistencia; acompañar o pensamento contemporáneo desde prácticas que privilexian o performativo, o poético e o relacional; e, sobre todo, abrir espazos de encontro que desafíen os formatos convencionais de exhibición e promovan unha escoita radical entre artistas, contextos e públicos.

O programa inaugúrase o venres 27 de xuño en Pontevedra cun espectáculo participativo do artista portugués Vasco Araújo, unha acción coral e colectiva que activa o espazo urbano a través do canto como forma de protesta, e clausúrase o venres 26 de setembro con La Ribot no salón de plenos da Deputación de Pontevedra; toda unha declaración de intencións. Entre as dúas datas, todos os venres durante a bienal (excepto o 25 de xullo e o 15 de agosto), distintas actuacións percorrerán espazos da cidade de Pontevedra e tamén outros lugares, coma as naves de Aceros del Tea de Ponteareas, o Espazo Museístico Salgadeiras de Moreiras do Grove, a capela da Lanzada de Sanxenxo e o Museo do Mar de Galicia en Vigo.

Este programa de artes vivas non pretende ofrecer respostas nin consolidar discursos; máis ben propón preguntas, tensións e posibilidades. Nun mundo que tende ao peche, ao control e á uniformidade, as artes vivas nesta bienal sitúanse como un xesto aberto, como celebración da fraxilidade, da diferenza e da imaxinación.

Axenda

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais