HISTORIA DA BIENAL
A Bienal de Pontevedra xurdiu en 1969 por iniciativa da Deputación de Pontevedra a partir do labor de promoción artística que a entidade desenvolve ininterrompidamente desde o século xix, especialmente desde 1925.
A idea era reunir nunha exposición conxunta toda a arte realizada na provincia, o que deu orixe á I Bienal de Arte, en 1969. Nesta primeira ocasión convidáronse artistas que traballaban as diferentes técnicas: óleo, acuarela, debuxo, gravado e escultura. O amplo abanico de participación fixo necesaria unha selección previa, tras a que se expuxeron obras de 56 autores.
-
1969-1977
Durante a primeira etapa traballouse nunha mellora continua da bienal e ampliouse o seu ámbito territorial. En 1974 comezaron a expoñer artistas internacionais.
-
1977-1981
Nestes anos leváronse a cabo diversos cambios na súa estrutura, que atravesou un período de maduración e profesionalización.
Foi unha fase de adaptación aos cambios culturais e sociais que se estaban dando en España, de evolución cara a un formato máis esixente e aberto ás novas tendencias.
-
1982-1986
A bienal estableceuse como referente na escena artística nacional coa realización de mostras de referencia acerca da arte española da segunda metade do século XX e co fortalecemento da presenza de arte internacional.
O ano 1982 marca o fin da estrutura competitiva, cunha exposición centrada na escena da movida, e en 1983 ponse o foco na posmodernidade, cunha mostra centrada na pintura española dos oitenta e unha singular exposición de mail art (arte postal).
A partir de 1991 e ata 2010 prodúcese o auxe da bienal. O Museo de Pontevedra, que xa era responsable dalgunhas mostras antolóxicas dedicadas a artistas locais desde 1989, pasa a ocuparse da súa xestión, sempre baixo o paraugas da Deputación.
-
1992
Baixo a dirección e coordinación do Museo de Pontevedra celebrouse a XXII Bienal, dividida en tres mostras:
- Unha exposición central titulada Semellanzas e contrastes. Visións da arte peninsular da última década a través de tres coleccións, con obras seleccionadas procedentes das coleccións Fundación Calouste Gulbenkian, Unión Fenosa e Asociación de Arte Contemporánea de Madrid.
- Unha antolóxica dedicada a Manuel Quiroga Losada (1892-1961).
- Unha exposición retrospectiva da mostra Novos Valores 1982-1991. Memoria dunha década.
-
1994
A XXIII Bienal compúxose de catro mostras simultáneas:
- Unha exposición central dedicada a Juan Uslé, titulada Namste.
- Novos mestres alemáns. Colección Grothe. Museo de Arte de Bonn, no Pazo provincial.
- Unha antolóxica centrada en Virxilio Blanco, realizada no Museo de Pontevedra.
- Áreas de silencio, que tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra.
-
1996
Para a XXIV Bienal programáronse cinco exposicións:
- Joaquín Torres García. Obra constructivista.
- Unha antolóxica dedicada ao escultor vigués Camilo Nogueira.
- Reencontro con Leopoldo Nóvoa. Ausencias e cinzas.
- Ausencias e cinzas; materias, memorias. Dez artistas de América Latina.
- Os paseos de Euclides.
-
1998
A partir deste ano a Bienal de Pontevedra afianzou o seu prestixio coa súa evolución cara a unha serie de exposicións acordes co momento de esplendor que vivía o interese pola arte contemporánea.
Baixo a coordinación do Museo de Pontevedra e a dirección de Xosé Carlos Valle, nas diferentes edicións convidouse a destacadas e destacados comisarios independentes e críticos internacionais para facerse cargo das exposicións da bienal que, ata a súa desaparición en 2010, situaron este evento como unha referencia na escena da arte contemporánea internacional. Esta estendeuse pola cidade e ocupou novas sedes coma o Pazo da Cultura primeiro e o Edificio Castelao do Museo despois.
A XXV Bienal, co título “Fisuras na percepción”, foi comisariada por Miguel von Hafe Pérez e Alberto González Alegre.
-
2000
María de Corral fíxose cargo da XXVI Bienal, na que, co título “O espazo como proxecto, o espazo como realidade”, expuxeron artistas de Brasil, España e Portugal.
-
2002
Repetiu como comisaria María de Corral na XXVII Bienal, nesa ocasión baixo o lema “Narrando espazos, tempos, historias”. Unha edición na que se exhibiron obras da vangarda da arte nórdico (Islandia, Dinamarca, Suecia, Finlandia e Noruega) e peninsular (España e Portugal), para mostrar como a arte une pobos e xentes tradicionalmente vinculados ao mar, á pesca e á presenza constante da natureza.
-
2004
Miguel von Hafe e David G. Torres comisariaron a XXVIII Bienal, “No principio era a viaxe: In the beginning there was the journey”, na que ao explorar este concepto se creou un paralelismo coas conmemoracións do Xacobeo, coas que se celebra unha das máis importantes peregrinacións humanas.
-
2006
Victoria Noorthoorn comisariou a XXIX Bienal, titulada “Off/Fóra: movementos imaxinarios entre Galicia e o Cono Sur”, na que se xerou unha historia sobre as migracións, que abriu un diálogo entre Galicia, Arxentina, Chile e Uruguai.
-
2008
O comisario da XXX Bienal foi Abdelkrim Ouazzani. Co título “Sen fronteiras: converxencias artísticas hispano-magrebís”, dedicouse a tres países do Magreb (Tunisia, Marrocos e Alxeria). O seu tema xenérico foi o multiculturalismo, a polietnicidade e a integración. Foi a primeira vez que unha bienal en Europa dedicaba un certame monográfico ao Magreb.
-
2010
A XXXI Bienal, comisariada por Santiago Olmo co título de “Utrópicos”, realizou unha mirada ao universo de Centroamérica e o Caribe, con referencias a temas coma o exilio e a emigración, a través dos traballos dun centenar de artistas americanos e figuras da plástica galega coma Maruja Mallo, Arturo Souto ou Francisco Leiro.