Artistas
Na obra de Taisia Korotkova (1980, Moscova, Rusia) conviven a herdanza pictórica do realismo socialista e unha mirada crítica sobre os vínculos que se establecen entre ciencia, tecnoloxía e estruturas de poder. Formada no Instituto Surikov de Moscova, unha institución herdeira do realismo social ruso, a súa práctica revisa os relatos da era soviética. Korotkova desenvolveu unha linguaxe visual propia que combina técnicas tradicionais coma a témpera sobre táboa, propias da pintura de iconas, cunha paleta fría de tons pastel que remite á gráfica optimista do período soviético dos anos sesenta, década de ouro da era espacial. A súa iconografía explora as tensións entre o progreso tecnolóxico e as súas implicacións éticas, e propón imaxes que convidan a reflexionar sobre as utopías tecnolóxicas e os desafíos sociais do presente. Nesta liña, inscríbese tamén nun pensamento posthumanista que, seguindo a Donna Haraway, suxire abandonar as xerarquías fixas entre natureza, tecnoloxía e humanidade para pensar en “entrelazamentos multiespecies”, en novas alianzas que desactiven a lóxica extractiva do Antropoceno.