Obras
Exercicios para colgar unha pintura (2025)
Carlos Fer desprega un sistema de pinturas suspendidas por un armazón de poleas, contrapesos cerámicos procedentes de técnicas tradicionais e raku, pezas metálicas e obxectos atopados. O conxunto opera como un organismo interdependente, no que cada elemento mantén a súa posición grazas a unha rede de tensións compartidas. A instalación converte o xesto de colgar un cadro, habitualmente oculto na discreción dun cravo, nun exercicio coreográfico que subverte a lei da gravidade a través do artificio. As conexións entre as partes evocan dinámicas de causa e efecto que remiten tanto ao efecto bolboreta coma ao dominó, xa que unha mínima alteración activa un ciclo de axustes en cadea, o que revela un mundo articulado por fráxiles equilibrios. As pinturas están compostas por fragmentos cortados con medidas exactas de extremidades e proporcións corporais do artista, posteriormente unidos mediante costuras ou ensamblaxes. Pintados con pigmentos minerais e aglutinantes naturais, estes fragmentos funcionan como “medidores mediadores”, dispositivos que encarnan a relación directa entre o corpo e a pintura.
