Artistas

Carlos Fer
Carlos Fer (1997, Tui) é un dos artistas seleccionados no programa Novos Valores, promovido pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa 32.ª Bienal de Pontevedra, coa Fundación Walter Leblanc (Bruxelas) e co centro de residencias artísticas de Matadero Madrid. O seu traballo explora os límites da pintura tradicional e céntrase na idea da "antipintura" e en como os modos de exhibición afectan a percepción da obra. Fer investiga de que maneira a disposición física dunha pintura no espazo pode alterar radicalmente o seu sentido, así como a relación da ou do espectador con ela. A súa proposta converte o acto, en aparencia banal, de colgar un cadro nun xesto cargado de tensión conceptual, o que abre interrogantes sobre as dimensións espaciais, materiais e simbólicas da pintura contemporánea.