Obras
El peso de la memoria (O peso da memoria, 2025)
Esta obra de Idoia Cuesta, pensada para a illa das Esculturas, é unha figura de pedra que alcanza máis de tres metros de altura. A súa forma lembra un corpo humano en tensión, coma se tentase avanzar, manterse erguido ou alzar a voz. Varias cordas de cor vermella, tecidas á man, envólveno por completo, rodean a súa cabeza, o torso, os brazos. Non o protexen nin o suxeitan, inmobilízano e retéñeno. A obra constrúese desde unha relación directa co corpo e coa materia, e o xesto de trenzar, apertar ou suxeitar cárgase de sentido. O que aquí se presenta non é un relato individual, senón unha imaxe colectiva, a de quen se ve na obriga de deixar atrás o seu fogar, arrastrando consigo o que non pode abandonarse de todo. Nesta escultura, Cuesta dálle forma a unha presenza que, a pesar de estar atrapada, non desapareceu. As cordas, á vez que limitan, fan visible unha violencia que adoita quedar fóra de plano. O corpo sostense, pero con esforzo. Desde unha lóxica próxima ao facer manual e á memoria situada, no contexto desta bienal, a obra expón a necesidade de recoñecer a dor allea como parte de nosa propia experiencia, sen desviar a mirada, sen desentendernos do seu peso.
