Artistas
A obra do fotógrafo Gabriel Tizón (1973, Ferrol) forxouse no ámbito do fotoxornalismo, un campo onde a mirada crítica e a vontade de desentrañar as realidades sociais dominantes son esenciais. Criado nunha familia de pintores, desde a súa nenez inclinouse pola fotografía como unha vía para plasmar a realidade desde unha perspectiva comprometida coas realidades máis descoñecidas do mundo contemporáneo. Traballou en máis de trinta países e realizou exposicións en lugares coma Estados Unidos, Francia, Italia ou Guinea-Bissau. Con todo, puxo o foco especialmente nas poboacións afectadas polos conflitos bélicos e nas migracións forzadas, así como nas consecuencias das guerras e nas estruturas de poder que perpetúan as desigualdades. Ademais do seu labor fotográfico, Tizón impulsou proxectos de carácter social, coma a ONG Causas Comúns e "Utopía Project", cos que busca mellorar as condicións de vida en comunidades empobrecidas, especialmente en África e nas fronteiras de Europa.