Obras
The Reclining Buddha with Volcano (O Buda reclinado con volcán, 2019)
Nas súas composicións, cargadas de simbolismo, Natee Utarit combina elementos antigos e modernos, iconografías tanto cristiás coma budistas para crear obras que exploran temas sociais, políticos e relixiosos. Un dos aspectos máis interesantes do seu traballo é a reinterpretación da figura do Buda, a miúdo presentada de maneira irónica para abordar problemáticas coma o consumismo, a globalización e as tensións entre o sacro e o profano. Un exemplo é esta obra, na que o Buda reclinado se atopa rodeado de columnas gregas e volcáns. Toma como referencia a Perspectiva arquitectónica de Francesco di Giorgio, pintor da escola de Siena do século xv, na que se presenta unha cidade idealizada. Fusiona o budismo coa iconografía grecorromana para formular unha crítica ao dominio cultural occidental e propoñer unha nova forma de entender a historia e a cultura desde unha perspectiva distinta.
