Obras
Inch'allah (2015)
Nesta obra, Aboubacar Traoré aborda o adoutrinamento xihadista desde unha mirada próxima á das e dos mozos que senten atracción polo extremismo. A serie, cuxo título significa "se Deus quere" en árabe, mostra persoas inmersas en accións que suxiren unha transformación ideolóxica, todo nunha paisaxe desértica. Nas súas imaxes, un home vestido cunha túnica branca aparece sobre unha moto de luxo, mentres que, noutra toma, tres mozos se atopan cun suxeito que os recibe desde o alto dunha rocha. Noutras composicións obsérvanse persoas ao redor dunha moto ou un individuo levantando unha pedra para golpear alguén agachado. Un elemento común en todas as escenas é o uso de cascos escuros, sen viseira, que simbolizan o lavado de cerebro nos grupos de fundamentalismo relixioso. Esta serie presentouse en Reencontros de Bamako, bienal africana de fotografía, e valeulle a Traoré o Premio Internacional da Organización da Francofonía.
