Obras

El cerco de Sarajevo (O cerco de Saraievo, 1992-1994)

En diálogo coa tese da Bienal de Pontevedra e coa reflexión que Susan Sontag fai de como as e os espectadores se sitúan nunha posición pasiva fronte á dor allea observándoa como espectáculo, Gervasio Sánchez presenta catro obras dunha das súas series máis icónicas: El cerco de Sarajevo: Tumba de una familia en el cementerio del León. Sarajevo (Bosnia-Herzegovina) [O cerco de Saraievo: Tumba dunha familia no cemiterio do León. Saraievo (Bosnia e Hercegovina)], xullo de 1993; Mujer sale con maleta de su casa destruida. Sarajevo (Bosnia-Herzegovina) [Muller sae con maleta da súa casa destruída. Saraievo (Bosnia e Hercegovina)], xuño de 1992; Biblioteca de Sarajevo con haz de luz. Sarajevo (Bosnia-Herzegovina) [Biblioteca de Saraievo con feixe de luz. Saraievo (Bosnia e Hercegovina], xullo de 1993; e Cuatro niñas en el interior de un coche destruido. Sarajevo (Bosnia-Herzegovina) [Catro nenas no interior dun coche destruído. Saraievo (Bosnia e Hercegovina)], febreiro de 1994. Saraievo foi para o fotógrafo unha experiencia chave, pois alí entendeu que a guerra non se pode explicar de todo, que o horror non cabe nunha imaxe. As fotografías delatan a concepción que ten o autor sobre a guerra, ao centrar o seu sentimento máis tráxico nas consecuencias, nunha peculiar “paisaxe despois da batalla”, onde, a miúdo, se volve reencontrar con protagonistas das súas fotos, como sucede aquí con Edo, o neno que o guiou por algúns dos espazos destruídos da cidade. Son imaxes que nos lembran que a guerra non rematou para quen a viviu, mesmo se oficialmente o conflito bosníaco conclúe co Tratado de Dayton o 14 de decembro de 1995, xa que segue activa no subconsciente daquelas persoas, e as fotografías lémbrannos a súa dor. Porque as guerras, pensa Sánchez, non se terminan ata que se superan as consecuencias, e isto ás veces dura décadas, e mesmo tanto a nenas, nenos como a adolescentes lles termina marcando toda a súa vida.

<i>El cerco de Sarajevo</i> (O cerco de Saraievo, 1992-1994)
El cerco de Sarajevo (O cerco de Saraievo, 1992-1994)
Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais