Obras
Dalia (2025)
Esta intervención de Marta Pazos foi especificamente concibida para o Museo de Pontevedra dentro do ciclo Infiltracións, comisariado por Iñaki Martínez Antelo. A peza parte dunha reivindicación afectiva, o xardín da avoa da artista, cuxa relación coas flores se converte en detonante emocional e conceptual. A través dun traballo de arquivo fotográfico e da súa posterior manipulación dixital, Pazos constrúe un xardín vertical que coloniza a fachada do museo e tamén a atravesa cara ao interior, onde establece un diálogo coas pinturas florais da colección permanente. As flores, como dispositivos de memoria, de afecto e de resistencia, activan aquí unha lectura que transcende o ornamental para inscribirse nunha tradición iconográfica que, desde a Antigüidade, serviu para cifrar significados políticos, ecolóxicos e espirituais. No marco dunha bienal atravesada polo vexetal como suxeito activo, Dalia alíñase cunha sensibilidade posthumana e feminista que cuestiona a nosa relación contemporánea co natural, desde a estética dos coidados e a escoita atenta a aquilo que florece nas marxes.
