Obras
Air on a Broken String (Aire nunha corda rota, 2015)
Esta peza de Susan Philipsz foi concibida orixinalmente para a Galería Nacional de Londres, onde se presentou xunto á pintura The Ambassadors (Os embaixadores), de Hans Holbein. A través do son, Philipsz indaga no que ocorre cando algo está incompleto, cando falta unha parte esencial. A artista retoma unha imaxe poderosa dentro da obra de Holbein que sempre lle chamou a atención: un laúde cunha corda rota, interpretado tradicionalmente como símbolo de tensión, perda e desharmonía. Inspirada por esa idea de disonancia, decide retirarlle unha corda a un violín contemporáneo e gravar os sons posibles coas cordas restantes. As tres notas resultantes ―sol bemol, si e mi― crúzanse, superpóñense e emerxen desde distintos altofalantes situados no espazo expositivo, facendo audible, paradoxalmente, aquilo que falta. O resultado, lonxe de ser estridente, é inquietante e xera unha constante sensación de inestabilidade. Coma en moitas das súas obras, Philipsz evita a narración directa e interésase máis polo que se suxire, polo que non soa. Así, a corda rota convértese en símbolo dunha perda, pero tamén en punto de partida, nunha forma de comezar de novo desde o que permanece, desde o que aínda pode reconstruírse.
