Artistas
A obra de Susan Philipsz (1965, Glasgow, Reino Unido) articúlase ao redor da capacidade do son para activar o espazo e xerar así unha interacción profunda entre a percepción das e dos oíntes e a contorna. Nas súas intervencións, a artista establece unha relación directa entre o son e a arquitectura, desvinculada dos estímulos visuais convencionais. Ao poñer o son no centro da súa proposta estética, Philipsz tamén ofrece unha crítica sutil á supremacía do visual, desafiando a primacía da percepción ocular que historicamente dominou a experiencia da arte. Nas súas obras, a arquitectura baleira cobra vida propia a través das resonancias non humanas, o que transforma a relación entre as e os espectadores e o espazo nunha interacción máis fluída, menos xerárquica e máis aberta ao inmaterial e ao ausente. O espazo convértese nunha extensión do corpo e da memoria, e convida a quen o percorre a unha escoita activa e atenta que pode redefinir a nosa relación coa contorna e co outro. As composicións sonoras de Susan Philipsz abarcan unha pluralidade de xéneros e tradicións, desde o folclore europeo e as baladas do século xvi ata cancións de David Bowie ou himnos obreiros. A melancolía, a nostalxia e a perda son temáticas recorrentes nas súas obras, que convocan as e os espectadores a un espazo reflexivo e meditativo. Non se trata simplemente de escoitar, senón de habitar o son, de sentir a súa transformación a medida que se axusta ao contorno de cada espazo. Neste sentido, o son, aínda que etéreo, convértese nunha sorte de escultura que, en lugar de ocupar un volume físico, modela a experiencia de quen o recibe.