Obras
El cuerpo es tierra que se convierte en jardín al contacto con el agua (O corpo é terra que se converte en xardín ao contacto coa auga, 2025)
Andrea Davila Rubio presenta unha instalación en proceso que explora a relación entre materia, corpo e contorna. A través do tubo, concibido como forma elemental e principio estrutural, a artista constrúe unha rede de vínculos entre o humano e o non humano: cerámica, fotografía enrolada, auga, aceiro inoxidable, denim e resina despréganse nun conxunto que respira e se transforma. O tubo aparece como figura de tránsito, aludindo tanto aos sistemas internos do corpo coma a infraestruturas externas. O seu interese radica na capacidade de conectar, ramificarse, absorber. Neste xesto de apertura, resoa Métaphysique des tubes (Metafísica dos tubos), de Amélie Nothomb, do mesmo xeito que os ensaios de Anne Carson e Astrida Neimanis sobre corpos permeables, líquidos, capaces de xestar e ser atravesados. A instalación incorpora tamén referencias visuais ao cabelo húmido, entendido como liña, como onda, como extensión: desde peiteados actuais ata as esculturas clásicas. As formas agrúpanse, dispérsanse, tenden ao fluxo, nunha poética da fusión que imaxina outra maneira de estar.
