Artistas
Zehra Doğan (1989, Diyarbakir, Turquía) é unha artista e xornalista kurda que traballa a partir da súa experiencia nun contexto de violencia, represión e conflito. Como xornalista, cubriu temas coma a guerra en Siria e Iraq, a situación das mulleres iézidis e os enfrontamentos nas rexións kurdas de Turquía, o que lle valeu varios recoñecementos, entre eles, o Premio Especial do Xurado Musa Anter en xornalismo kurdo. En 2012 cofundou JINHA, a primeira axencia de prensa exclusivamente feminina, pechada en 2016 polo Goberno turco. A súa obra e o seu labor xornalístico son inseparables, ambos alimentados por unha visión crítica da realidade e unha constante loita pola xustiza e pola supervivencia no medio da represión. O seu traballo estivo marcado polo seu activismo político e, como consecuencia, sufriu condenas a prisión, períodos nos que continuou producindo arte en condicións extremas. A través da súa práctica, Doğan explora os límites da resistencia moral e física, empregando a arte como unha ferramenta para loitar pola xustiza.