Artistas
Yarema Malashchuk e Roman Khimei (1996, Kíiv, Ucraína) desenvolven unha práctica artística que se sitúa entre o cinema e as artes visuais, e abordan cuestións vinculadas á identidade, á memoria colectiva e ás tensións políticas que atravesan a Ucraína contemporánea. Representantes dunha xeración de creadoras e creadores xurdida tras as revoltas do Euromaidán, a súa obra céntrase en desentrañar os relatos herdados dos antigos poderes imperiais, así como en observar como lles afectan ás novas xeracións. Mediante instalacións audiovisuais e narrativas cinematográficas, os artistas reflicten unha realidade fragmentada na que a historia oficial convive con vivencias persoais. Enfócanse, pois, nas marxes, en figuras secundarias, no que non adoita verse nin contarse, nos xestos individuais dentro de paisaxes marcadas polo conflito e polo cambio. Ademais, son membros de colectivos coma o Prykarpattian Theater, con iniciativas coma Theater of Hopes and Expectations (Teatro de esperanzas e expectativas), presentada no Pavillón de Ucraína na Bienal de Arquitectura de Venecia en 2023.