Artistas

Priscilla Dobler Dzul
Priscilla Dobler Dzul (1985, Mérida, Iucatán, México) considérase unha contadora de historias. O seu traballo aborda temas coma a recuperación da tradición, a preservación da identidade nun mundo globalizado, a explotación de comunidades marxinadas e a reimaxinación de mitos e historias indíxenas. As súas investigacións tamén exploran as dinámicas de poder, as relacións coloniais e as tensións entre o humano e o non humano, representadas na súa obra pola relación entre animais híbridos, figuras humanas e plantas, convivencia que transcende o binarismo que caracterizou o pensamento occidental durante séculos. A artista propón unha sociedade posthumana onde as formas de vida e os xéneros se entrelazan, e ofrece visións oníricas e sensuais que se perciben á vez como un espazo de beleza e escuridade. Na súa obra, a brutalidade, a violencia, a morte e as transformacións inquietantes coexisten coa posibilidade da esperanza e da resistencia.