Artistas
Malia que parte da figuración, a práctica artística de Miki Leal (1974, Sevilla) evita os marcos tradicionais e móvese nun espazo onde memoria, cultura visual e experiencia persoal se entrelazan. A súa obra non busca contar historias pechadas, senón activar unha rede de asociacións libres na que se cruzan referentes coma o jazz, o cinema ou a literatura con recordos persoais e elementos do imaxinario colectivo. O seu traballo funciona como unha ferramenta de pensamento, un modo de mirar o mundo desde o sensible, máis que de representalo. Leal parte de xéneros clásicos clásicos ―o retrato, a paisaxe ou o bodegón, entre outros― e transfórmaos a través dunha lóxica fragmentaria e aberta, onde o decorativo, o abstracto e o narrativo coexisten sen xerarquías. O resultado son imaxes que non explican, senón que convidan a ser lidas desde a intuición e a memoria. No seu traballo non hai unha verdade única, senón múltiples capas de sentido que as e os espectadores poden percorrer á súa maneira.