Artistas

Miki Kratsman
Miki Kratsman (1959, Bos Aires, Arxentina) é un fotógrafo e activista que reside en Israel desde 1971. Durante máis de trinta anos dedicouse a documentar a evolución do conflito palestino-israelí e as súas consecuencias na vida cotiá da poboación palestina e as minorías desfavorecidas de Israel. Ao longo de máis de tres décadas, capturou momentos que reflicten a violencia, a memoria, a dor, a resistencia e a esperanza, sempre desde unha perspectiva que cuestiona as narrativas oficiais do conflito, polo que se converteu nunha figura incómoda para o Estado de Israel. O seu enfoque non se limita aos acontecementos bélicos, senón que se centra nas vivencias diarias, moitas veces invisibilizadas, de quen habita as zonas máis afectadas pola ocupación. En 2004 cofundou a organización Breaking the Silence, composta por veteranos do Exército israelí que relatan as súas experiencias durante a segunda intifada e nos territorios ocupados. A través deste proxecto, Kratsman e os membros da organización buscan darlles visibilidade ás vivencias das testemuñas da violencia e das inxustizas cometidas nos territorios palestinos.