Artistas
O traballo de Lois Patiño (1983, Vigo) transita entre o documental experimental, a videoarte e o cinema de autor, medios cos que comparte unha forma de mirar o mundo desde a experiencia máis que desde a representación. Fronte a un panorama audiovisual dominado pola rapidez e polo exceso de estímulos, Patiño propón unha pausa e desposúe o cinema de adornos para centrarse nos seus elementos máis esenciais: a luz, o son e o tempo. Nas súas películas, a paisaxe é unha protagonista máis, que respira, sente e se transforma con quen a habita. Lois Patiño inscríbese dentro do Novo Cinema Galego, un movemento cinematográfico que se caracteriza pola súa vinculación co territorio e un compromiso coa renovación da linguaxe cinematográfica. Nos últimos anos, a obra de Patiño centrouse en explorar a relación entre o ser humano e a paisaxe para transcender a representación convencional do territorio.