Artistas
O traballo de Carlos Bunga (1976, Porto, Portugal) parte dunha reflexión sobre a fraxilidade e a transitoriedade das estruturas que habitamos ―arquitectónicas, sociais ou simbólicas― a través de materiais efémeros coma cartón, cinta adhesiva ou mobles reutilizados para levantar arquitecturas precarias. Estas construcións están impregnadas dunha dimensión utópica, pois invocan a posibilidade doutras formas de habitar, máis abertas, sensibles, sostibles e humanas. As súas instalacións, pinturas, esculturas e películas ―todas cunha dimensión performativa nas que se intúen a acción física do construír e destruír― poden parecer fráxiles ou mesmo inestables, pero precisamente por iso abren a posibilidade de pensar en sistemas máis flexibles. A obra de Carlos Bunga é profundamente política, unha invitación para repensar como habitamos e que poderiamos chegar a construír se nos afastamos da monumentalidade e das estruturas permanentes asociadas ao poder para propoñer arquitecturas temporais, móbiles e sensibles á contorna.