Obras

Widumi (2002)

Máis aló da función utilitaria de iluminar, esta obra convértese nun obxecto escultórico que activa o espazo de maneira complexa ao subliñar a tensión entre o funcional e o artístico. Rehberger usa a luz con fins prácticos, para iluminar, pero tamén para transformar a contorna, e así modificar a experiencia perceptiva das e dos espectadores. Widumi intégrase na liña de investigación do artista sobre como a funcionalidade pode expandir as posibilidades estéticas. A peza ilumina e, ademais, establece unha relación dinámica co espazo, na que as formas móbiles e as cores cambiantes non só interactúan coa persoa espectadora, senón que tamén desafían as convencións do mobiliario tradicional. Esta obra está realizada con materiais humildes, como madeira e cinta adhesiva, un recurso que Rehberger emprega para explorar a idea do “pobre” e o cotián, elementos que no seu proceso creativo se transforman en arte mediante unha execución industrial precisa. Desta forma, Rehberger reforza o seu interese por elevar o simple e o funcional a un plano estético, e dálles a volta ás nocións do valioso e do efémero. Widumi reflicte a fascinación do artista pola arquitectura moderna e pola maneira en que, a través da intervención sobre o obxecto cotián, se cuestiona a relación entre o ser humano e a contorna que habita. O título da obra é un acrónimo da expresión alemá “Wie du mir, so ich dir”, que significa “como me fas a min, así che fago a ti”. Ten que ver co feito de que estas lámpadas foron construídas polos asistentes de Rehberger como prototipos que o artista vai modificando segundo sexa necesario.

<em>Widumi</em> (2002)
Widumi (2002)
Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais