Obras
La piel del olivo (A pel da oliveira, 2024-2025)
Na súa intervención para a 32.ª Bienal de Pontevedra, Beatriz Ruibal despraza a linguaxe fotográfica cara a unha dimensión espacial, envolvendo o cubo de cristal do Pazo da Cultura cunha imaxe ampliada dunha folla de oliveira, que actúa como unha segunda pel. Presente en todo o Mediterráneo, a oliveira encerra, segundo a artista, unha carga simbólica profunda, ligada á vida, á resistencia e á posibilidade de rexeneración. É unha árbore que non só sobrevive ao paso do tempo e á devastación ―renace tras o lume, arraiga en solos duros, persiste mesmo en contextos de abandono ou guerra―, senón que tamén garda no seu corpo unha memoria compartida que desborda o estritamente humano. En La piel del olivo, esa folla agrandada non se limita a cubrir o edificio, senón que o transforma nun organismo vivo, en “hospitalidade vexetal”, nun lugar de acollida desde o vexetal. Quizais non se trata de representar, aclara Ruibal, senón de permanecer. Nun contexto de crise ecosocial, esta intervención expón a necesidade de revisar as nosas formas de relación coa contorna e de imaxinar outras formas máis lentas, máis atentas, máis próximas de habitar o común. O xesto, lonxe de ser meramente formal ou decorativo, activa unha serie de relacións entre natureza, arquitectura e memoria histórica, e abre un lugar de encontro entre o vexetal, o humano e o construído. A transparencia do vinilo transforma o cubo de cristal nun corpo poroso que permite o paso da luz e introduce unha lóxica de superposición, onde a imaxe non borra o real, senón que o complica.
