Obras
El día y la noche (O día e a noite, 2025)
Producida especificamente para a 32.ª Bienal de Pontevedra, esta obra de Ballester Moreno é unha representación simbólica do ceo e do seu movemento cíclico. As formas móbiles, que evocan estrelas e planetas, compleméntanse e acóplanse como parte dunha coreografía cósmica onde todo encaixa nun fluxo continuo, igual que a unha noite lle segue un día, á primavera, o verán e, a continuación, o outono. Son ritmos que afectan as nosas vidas, pero que tamén inflúen na nosa psicoloxía e na maneira de entender as imaxes e a arte. Con formas xeométricas básicas e cores primarias, a peza dialoga tanto coa infancia coma coas primeiras vangardas ao recuperar o xesto orixinal de mirar o mundo con asombro. A obra é a escenografía dunha paisaxe, un espazo que nos convida a participar a través da nosa presenza, pero tamén da nosa ollada porque o eixe sobre o que se move o mundo é creativo e contemplativo. O artista expón unha relación poética entre o de fóra e o de dentro, entre o paso do tempo e a experiencia humana, que nos lembra que toda ollada ―coma todo amencer― é tamén unha forma de creación. O día e a noite, coma o positivo e o negativo ou o ceo e a terra, son, lonxe de considerarse opostos, binomios que non se poden separar, porque non existe o un sen o outro.
