Artistas

Antonio Ballester Moreno
Nas obras de Antonio Ballester Moreno (1977, Madrid) as formas simples e a súa paleta cromática primaria convértense en vía de acceso ao esencial. Emprega materiais coma o lenzo cru, o xute ou a arxila sen tratar, que reforzan unha estética manual, próxima ao popular e ao cotián. O seu universo creativo toma como punto de partida a natureza, a educación, o folclore e a cultura oral para construír unha linguaxe abstracta e simbólica que desafía as lóxicas da representación tradicional. Neste proceso, reivindica expresións non académicas coma o debuxo infantil, a artesanía ou formas de facer premodernas, afastándose da sofisticación industrial para explorar unha arte máis intuitiva, colectiva e humana. O xesto e a repetición non buscan a orixinalidade e operan como prácticas de resistencia fronte ao réxime espectacular da imaxe contemporánea. No seu universo, todo ―a natureza, a aprendizaxe, a cultura popular, a pedagoxía e a experiencia estética― está vinculado como fragmentos entrelazados dun mesmo relato.