Artistas

Andrea Davila Rubio

Andrea Davila Rubio

Andrea Davila Rubio (1995, Boiro) é unha das artistas seleccionadas no programa Novos Valores, impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa 32.ª Bienal de Pontevedra, coa Fundación Walter Leblanc (Bruxelas) e co centro de residencias artísticas de Matadero Madrid. Ademais, recibiu a residencia internacional de investigación artística promovida polo Museo de Pontevedra xunto co Instituto Arte Xénero Natureza da Academia de Arte e Deseño de Basilea (Suíza). Desde unha mirada crítica e situada, o seu traballo propón unha ruptura coas xerarquías tradicionais entre o humano e o non humano, expoñendo formas de convivencia e coidado nas que o corpo e a súa contorna comparten unha mesma lóxica de transformación mutua. A través da súa obra, Davila explora como a práctica escultórica pode converterse nunha forma de estar no mundo e como o corpo é capaz de activar vínculos afectivos e materiais cando se entrelaza con elementos da paisaxe, especialmente co vexetal. Nos seus traballos, o corpo deixa pegadas, pero tamén é modelado polo que toca e convértese nunha superficie viva que acolle e se deixa afectar. A súa produción máis recente afonda nesta conexión entre corpo e materia, e propón novas formas de imaxinar a coexistencia interespecie desde o artístico.

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais