Sedes

Ruínas de San Domingos

Ruínas de San Domingos

Avenida de Montero Ríos, 1

Trátase do edificio máis antigo dos seis que forman o Museo de Pontevedra.

Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado contra 1282, aínda que o que se conserva —a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular— correspóndese coas obras realizadas a partir de 1383.

O convento pechou o 8 de decembro de 1836 debido á lei de exclaustración. Entregóuselle á Xunta de Alleamento de Edificios e Efectos dos Conventos Suprimidos da Provincia de Pontevedra, a cal, á súa vez, llo cedeu en usufruto ao Concello para instalar unha casa asilo. Durante o século XIX tamén tivo outros usos, coma cárcere de mulleres, hospicio, casa cuartel da Garda Civil, escola de párvulos ou caixa de quintos.

O 14 de agosto de 1895 as ruínas foron declaradas Monumento Nacional, co que se converteron no primeiro de Galicia, xunto coa colexiata de Santa María a Real de Sar en Santiago de Compostela.

En abril de 1937 as Ruínas de San Domingos e todos os fondos que albergaban incorporáronse definitivamente ao Museo de Pontevedra.

Na actualidade, ademais dos restos arquitectónicos e escultóricos conservados do complexo conventual, exponse unha interesante mostra de escultura funeraria, con sepulcros nobiliarios e laudes gremiais, ademais da colección de heráldica.

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais