Obras
Wir (alle) sind das Volk [Somos (todos) o pobo, 2003-2025]
Esta obra de Hans Haacke fai referencia ás protestas de 1989 na antiga República Democrática Alemá, cando as e os manifestantes coreaban "Wir sind das Volk" (Somos o pobo) fronte á Volkspolizei, a Policía do réxime. Esta consigna foi decisiva para a caída do réxime socialista e o proceso de unificación alemá. En 2003, grupos xenófobos apropiáronse desa mesma consigna para expresar o seu rexeitamento ás persoas inmigrantes e refuxiadas. Haacke, ao recuperar o lema, transfórmao nunha mensaxe de apoio a estas persoas, que hoxe se enfrontan ao racismo, á xenofobia e á intolerancia relixiosa en diversas partes do mundo. A obra exhíbese na fachada do Pazo da Deputación de Pontevedra, un edificio cargado de simbolismo político. Nela, a consigna "Wir (Alle) sind das Volk" está escrita nas linguas oficiais de España, ademais de nos idiomas dos oito grupos de inmigrantes máis representados no país, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística: español, árabe, ucraíno, italiano, romanés, ruso, portugués e alemán. Esta peza subliña a necesidade de articular unha mensaxe común de inclusión, resistencia e recoñecemento da diversidade, o que evidencia que a obra de Haacke segue desafiando non só as estruturas da arte, senón tamén as dinámicas sociais que determinan quen queda excluído.
![<em>Wir (alle) sind das Volk</em> [Somos (todos) o pobo, 2003-2025]](/documents/34537211/34537412/wir.jpg/323deb11-49d8-ff9e-96eb-a69a4d5e5087?t=1747814645026)