Rafa Domínguez presenta o equipo comisarial da Bienal de Arte de Pontevedra do 2025, con Antón Castro como comisario xeral e Antón Sobral como coordinador
“A bienal será un espazo de reflexión e de encontro, onde se discutirán e explorarán diferentes temas a través da arte”, remarcou Domínguez, quen adiantou que a Deputación está “establecendo alianzas con institucións nacionais e internacionais para enriquecer o contido da mostra e ofrecer unha programación variada e de alta calidade”
19/06/2024
Rafa Domínguez acaba de presentar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o equipo comisarial encargado da programación da Bienal de Arte de Pontevedra do 2025, con Antón Castro como comisario xeral e Antón Sobral como coordinador. Xunto con Castro e Sobral, tal e como informou o vicepresidente provincial, integran tamén o comité organizador a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e a responsable do Departamento de Investigación, Agar Ledo. Todos eles traballarán para que "Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais", título da 32.ª Bienal de Arte que acollerá a cidade de Pontevedra entre o 15 de xuño e o 30 de setembro de 2025, sexa "un éxito rotundo".
"A bienal será un espazo de reflexión e de encontro, onde se discutirán e explorarán diferentes temas a través da arte", remarcou Domínguez, quen adiantou que a Deputación está xa "establecendo alianzas con institucións nacionais e internacionais para enriquecer o contido da mostra e ofrecer unha programación variada e de alta calidade, que a converterá no maior evento cultural celebrado en Pontevedra ata a data". O vicepresidente recordou que a recuperación da bienal vai en liña co obxectivo do Goberno provincial de "converter Pontevedra nunha cidade da cultura e nun referente nacional e internacional". Deste xeito, a mostra ten como obxectivos impulsar a cultura e situar Pontevedra como epicentro da arte contemporánea, atraer artistas e visitantes de todo o mundo, promover o intercambio cultural, presentar propostas artísticas innovadoras, ofrecer un espazo para a experimentación e a creatividade e integrar a cidade no evento ao fomentar a participación e o gozo da arte por parte de toda a veciñanza.
A Bienal de Arte de Pontevedra trátase, tal e como recordou a directora do museo, da máis antiga de España, posta en marcha en 1969 pola Deputación de Pontevedra. Neste eido, Tilve agradeceulle ao Goberno provincial a decisión de recuperarala tras "esa paréntese de 15 anos desde a última edición", e remarcou que se trata dun anhelo compartido non só pola cidadanía de Pontevedra, senón polas persoas que desde moitas outras latitudes, dentro e fóra de España, aprecian a traxectoria que esta cita coa arte contemporánea foi debuxando ao longo de 31 edicións".
Deste xeito, a 32.ª Bienal de Arte de Pontevedra, tal e como avanzou o seu comisario xeral, Antón Castro, responderá "ao momento que se vive no circuíto artístico internacional, sobre todo ao marco de acontecementos vitais que condicionan o noso discurso existencial: guerras, cambio climático, inmigracións, transicións verde e dixital, intelixencia artificial, crises…". Neste eido, xirará arredor "da guerra ou guerras localizadas" e terá como título "Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais". Desenvolverase entre os días 15 de xuño e 30 de setembro de 2025 e abranguerá diferentes actividades, que inclúen desde espectáculos ata intervencións, conferencias ou, entre outras iniciativas culturais, concertos. Ademais, expandirase por toda a cidade, desde o Edificio Castelao ata a igrexa do convento de Santa Clara, a Fundación RAC, a illa das Esculturas, o Pazo da Cultura e o recinto feiral, a Facultade de Belas Artes, as Ruínas de San Domingos, o Espazo Nemonon, o Café Moderno, as prazas do centro histórico, algunhas fachadas monumentais da cidade e mesmo algúns bares e tascas de Pontevedra.
O equipo
Antón Castro conta cunha traxectoria profesional de máis de catro décadas de experiencia no mundo da investigación e como crítico de arte. Comisariou máis de 200 exposicións en todo o mundo, desde España ata Francia, Alemaña, Portugal, Italia, Croacia, Bulgaria, Cuba e os Estados Unidos. O seu profundo coñecemento e ampla rede de contactos convérteno na persoa idónea para asumir o posto de comisario xeral da Bienal de Arte de Pontevedra.
Pola súa banda, Antón Sobral é unha figura destacada no ámbito artístico e cultural de Galicia, cunha carreira que abarca varias décadas e que o converteu xa nun referente tanto na creación artística coma na xestión cultural. Deste xeito, e partindo da súa ampla experiencia na coordinación de exposicións en colaboración con entidades culturais nacionais e internacionais, asumirá a coordinación xeral da bienal.
Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, achegará a súa experiencia en xestión cultural e o seu profundo coñecemento da entidade e das súas coleccións. Por último, Agar Ledo, responsable do Departamento de Investigación, será a peza clave para establecer conexións entre artistas e contextos históricos e contemporáneos.