Luis López e Rafa Domínguez convidan a descubrir a bienal como un evento de repercusión global que situará Pontevedra como unha “potencia cultural”
Presidente e vicepresidente animan a toda a cidadanía e visitantes a gozar dunha bienal, “un dos maiores retos para o museo”, que atraerá as e os mellores artistas contemporáneos e exhibirá obras de arte de múltiples países
07/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, compareceron este mércores ante a imaxe institucional da trixésimo segunda edición da Bienal de Arte de Pontevedra, que recupera o Goberno provincial en 2025 despois de quince anos de ausencia. Nas escaleiras exteriores do Pazo provincial e coa presenza do equipo artístico da bienal, o mandatario provincial remarcou a transcendencia que terá esta mostra, que comezará no mes de xuño, para consolidar a provincia como unha "potencia cultural" que avanza na estratexia de "descentralización" da programación cultural posta en marcha polo executivo da Deputación. "É unha perspectiva que estamos implantando e está a funcionar. A bienal vai ter un protagonismo especial porque será a primeira vez que vaia a outros concellos coma Vigo, O Grove, Sanxenxo e Ponteareas, dentro da sección de artes vivas", salientou o presidente, Luis López.
O acto, que tivo lugar esta mañá de mércores no exterior do Pazo provincial, serviu para dar a coñecer a imaxe promocional da bienal de arte, que xa está visible en múltiples soportes publicitarios repartidos pola cidade de Pontevedra. Baixo o lema "A arte volve", preséntase unha campaña que "ten unha estética moi moderna, cunha Deputación moderna, un Museo de Pontevedra moderno e unha bienal moderna", definiu o vicepresidente e responsable do museo e da bienal, Rafa Domínguez.
"Somos unha potencia cultural e aí a bienal xoga un papel clave, non só nesta edición do 2025, senón en todas as futuras que se celebrarán", subliña o presidente provincial, quen remarca o impulso que a Deputación está a darlle á programación cultural da provincia a través doutras iniciativas coma os recentemente presentados Rías Baixas Film Fest, os festivais de música de verán Rías Baixas Fest ou programas coma "+Escénicas", que espallan por toda a provincia o mellor teatro e danza de Galicia. "Non podemos estar máis que satisfeitos por dar outro paso coa presentación da imaxe da bienal, logo virá a inauguración, pero antes seguiremos anunciando artistas", anticipou Luis López, quen quixo recoñecer o traballo que están a realizar todas as persoas implicadas na organización deste evento, "un dos maiores retos que está a afrontar o Museo de Pontevedra en canto á organización e aos recursos".
Neste punto, o vicepresidente Rafa Domínguez puntualizou que o investimento que efectuará a Deputación para a recuperación da bienal de arte estará próximo a 1,6 millóns de euros, "un orzamento moi proporcionado se temos en conta que 'traemos obras de arte de doce países do mundo, artistas que veñen aquí a facer as súas obras in situ, que é algo que só fan as bienais de moita importancia'", salientou o dirixente, quen puxo en valor a participación, entre as e os máis de sesenta artistas convidados, dun dos de maior prestixio do mundo, Hans Haacke.
"Unha bienal de arte é, en primeiro lugar, un espazo para o gozo, no que agardamos que todo o mundo participe. E, en segundo lugar, un espazo para a reflexión, para pensar na actualidade e avanzar no pensamento de toda a sociedade", explicou Domínguez, para convidar a toda a provincia e as persoas que visiten As Rías Baixas a participar na programación deste evento cultural para que "se deixen impactar pola bienal", un evento que consolida a cidade e a provincia "como un eixe cultural", remataron López e Domínguez.