Artistas

Rosalind Nashashibi
A obra de Rosalind Nashashibi (1973, Croydon, Reino Unido) caracterízase por unha reflexión sobre as dinámicas de poder e as formas de representación das realidades sociais e políticas, que a cineasta aborda a través das súas experiencias persoais e unha mirada introspectiva cara ao comportamento humano. O seu estilo, influído por cineastas coma Pasolini e Chantal Akerman, afástase das narrativas lineais tradicionais, e adopta unha estrutura non convencional que permite unha exploración máis libre dos temas. Nashashibi interésase por cuestións coma a identidade e as relacións humanas en contextos complexos, especialmente no ámbito palestino. Nas súas películas, de ritmo pausado, a cámara xoga un papel crucial: sitúase a miúdo no lado da persoa observada e convértese nunha ferramenta para rexistrar momentos que, a pesar da súa aparente simplicidade, revelan as complexidades emocionais e sociais da vida cotiá e do presente.