Artistas
Denilson Baniwa (1984, Darí, Brasil) é un artista indíxena do pobo Baniwa nado na aldea de Darí, en Río Negro (Amazonas). A súa práctica insírese nunha tradición de resistencia cultural e ecolóxica que atravesa as loitas da súa comunidade na Amazonia. Articulada a través de diversos medios, a súa obra enfróntase ás pegadas profundas que o colonialismo deixou na cultura, na terra e na identidade indíxenas. Baniwa é un artista que fai da antropofaxia cultural a súa metodoloxía: aprópiase das linguaxes da modernidade occidental para deconstruílas e resignificalas, nun acto de descolonización visual que desafía as narrativas históricas impostas. Para el, a arte é un acto de resistencia, un medio para salvagardar o benestar do seu pobo fronte ás múltiples ameazas que o axexan.