Artistas

Centro Documental da Memoria Histórica (CDMH)

Centro Documental da Memoria Histórica (CDMH)

O Centro Documental da Memoria Histórica (CDMH) de Salamanca garda numerosa documentación sobre a Segunda República, a Guerra Civil, a Ditadura franquista, o exilio republicano, a deportación de españois a campos de concentración e a Transición cara á democracia. Custodia importantes arquivos documentais e fotográficos e está formado polos fondos provenientes dos Servizos Documentais da Presidencia do Goberno e do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo de época franquista, así como polos incorporados con posterioridade a 1979. Gran parte dos fondos do CDMH referidos á Guerra Civil e á Ditadura está integrado polos documentos, polas fotografías e por outros obxectos incautados a organismos públicos ou privados e a persoas que tiveron relación coa Segunda República. O CDMH presenta na Bienal de Pontevedra unha selección de fotógrafas e fotógrafos que elevan o mito da guerra civil española (1936-1939) á súa consideración de “primeira guerra testemuñada en sentido moderno”, segundo nos lembra a escritora Susan Sontag, fotoxornalistas profesionais que puideron documentar non só as accións militares, senón a situación das vilas bombardeadas.

Erich Andres, Agustí Centelles, Albert Louis Deschamps, Kati Horna, Walter Reuter, Gerda Taro e Emil Vedin, profesionais de diferentes nacionalidades, mostran complexas e inéditas escenas do espectro máis humano do conflito, sen excluír o drama e a dor, aquel que segue as accións, e igualmente outras de aparente tranquilidade que definen a paisaxe inesperada de calquera guerra. O fotógrafo alemán Erich Andres (1905-1992) chega a España, entrando por Vigo, nos primeiros momentos da Guerra Civil e fotografa o territorio dos sublevados. As súas catro fotografías son elocuentes: desde o desembarco de pasaxeiros alemáns na ría de Vigo ata o mostrario de cadáveres de republicanos fusilados nun terraplén de Carabanchel Baixo por membros das forzas golpistas. As fotografías de Agustí Centelles (1909-1985), un dos pioneiros do moderno fotoxornalismo europeo, son algunhas das máis icónicas do conflito español, especialmente as das frontes catalás ou aragonesas. O francés Albert Louis Deschamps (1889-1972), que foi enviado a España en 1938 pola revista L'Illustration, deixounos unha minuciosa información gráfica sobre o bando nacional, seguindo os avances do exército franquista, en 1938 e 1939, tal como mostra nas tumbas de Huesca ou na revisión que fan os soldados e milicianos franquistas dos obxectos abandonados por refuxiados republicanos. Kati Horna (1912-2000), fotógrafa húngara de ideas anarquistas, cuxo nome real era Kati Deutsch, cubriu a guerra desde os seus inicios en 1936, percorrendo as zonas de Barcelona, Valencia, Madrid e Aragón, dándolles prioridade á faceta máis emocional da vida diaria do conflito e ás súas consecuencias, tal como pon de manifesto nas fotografías expostas. O fotógrafo alemán Walter Reuter (1906-2005), quen fuxía do horror nazi, chegou a España en 1933 e non só foi combatente na guerra, senón que puido retratar a situación en diferentes frontes de Andalucía, Valencia ou Madrid, entre elas a retirada das nenas e nenos refuxiados do bando republicano. A alemá Gerda Taro (1910-1937), cuxo nome real era Gerta Pohorylle, compañeira e cómplice de Endre Friedmann, con quen creou o pseudónimo do mítico fotorreporteiro Robert Capa, centrou a súa atención tanto nas frontes coma na situación da poboación civil, e interesouse especialmente na idea de relato informativo nas súas fotografías en prol da causa republicana. Segundo a revista Life, Taro foi a primeira fotógrafa “morta” pola guerra civil española. Rexistrado como voluntario nas Brigadas Internacionais co nome de Emil Vedin (1912-2001), o polaco Emilio Rosenstein combateu como oficial e estivo no servizo sanitario do bando republicano durante a Guerra Civil. Das súas fotos do conflito e posconflito destacan as que tomou nas colonias infantís centros de acollida en Francia onde se refuxiaban nenos españois que fuxían da guerra, así como as que documentan o éxodo dos exiliados que escapaban do país.

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais