Artes Vivas - Transfixion - FRAN MARTINEZ - Bienal de Pontevedra
FRAN MARTÍNEZ
En colaboración co Colectivo RPM-Residencias Paraíso
Transfixión é unha peza que xira arredor do acto de facer, entendida como un exercicio de misticismo de baixa intensidade, un movemento constante de ida e volta entre o interior —escuro, opaco— e un exterior que, de tan visible, se volve difícil de descifrar. Inspirada na idea de "entrar máis dentro na espesura", a proposta forma parte dun proceso de investigación que o artista vén desenvolvendo desde hai anos e que continúa no marco das Residencias Paraíso, que este ano celebran o seu décimo aniversario. Tras a residencia no Convento de Santa Clara durante o mes de maio, preséntase agora ao público como un traballo aberto, co que comparte o estado actual do proceso creativo.
Fran Martínez é un bailarín e coreógrafo galego. Formouse en interpretación e danza en diferentes escolas de España, Portugal e Bélxica. Recibiu a bolsa DanceWeb–ImpulsTanz do Festival de Viena de 2019. Traballou con Teatro Ensalle, Tino Sehgal, Dora García, Amélia Bentes, Berio Molina, Meytal Blanaru, Jesús Rubio, Voadora-Marta Pazos, Pisando Ovos-Rut Balbís, Natalia Fernandes, Lucía Estévez, Paula Quintas, Colectivo Glovo, RosanayAris, Alba González e Sanna Kekäläinen, entre outros. É cofundador da compañía de artes do movemento Pálido Domingo, xunto a Diego M. Buceta e Belén Bouzas. Mantén un idilio artístico con Elena Carvajal: conxuntamente crearon Somaficción (2022) e Realmente ahora no ya no (2024), e acompáñanse de xeito estable noutros proxectos, encontros e contextos.
Ficha Técnica
Creación e interpretación: Fran Martínez
Ollo externo: Natalia Fernandes
Dramaturxia do corpo e do espazo: Lipi Hernández
Espazo sonoro: Juan Diego Calzada
Fotografía e vídeo: Lucía Estévez
Apoios: Centro Cultural Conde Duque + Coreógrafos en Comunidade (Madrid), Centro Danza Canal (Madrid), Teatro Ensalle (Vigo), Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), La Caldera (Barcelona) e Colectivo RPM-Residencias Paraíso.