Artes Vivas -Contar no apagon - CELSO FERNANDEZ SANMARTIN - Bienal de Pontevedra
CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN
A escuridade esperta os sentidos, a intimidade é escura, as raíces traballan nela, a noite é íntima e secreta, o lobo é valente pola fame pero tamén ten medo, o día escápalle á noite e a noite, ao día, e cando se tocan hai un momento confuso, sosegado, inevitable. A escuridade é un sobre de azucre e o que se conta, cando se recolle e sustenta no artístico e no vital, é o luceiro no suspiro dunha mina.
Celso Fernández Sanmartín propón unha sesión de narración oral na escuridade, un espazo de intimidade no que a palabra activa os sentidos e convoca imaxes, memorias e emocións. A través do relato, constrúe un tempo compartido no que día e noite, medo e sosego se entrelazan nunha experiencia pausada e atenta. As historias, recollidas da tradición oral e da vida, emerxen como pequenos focos de luz no medio da escuridade, facendo do acto de contar un xesto ao tempo artístico e vital.
Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) estudou Filosofía en Santiago de Compostela. Desenvolveu un intenso traballo asociativo e tamén como animador sociocultural con persoas maiores. Defínese como horticultor e "recolector e contador de contos e historias de vida de tradición oral". Como poeta publicou varios libros, entre eles A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez (2018) e A cousa eterna (2023). Como narrador oral levou as súas historias por toda Galicia e ao estranxeiro. No 2022 recibiu o Premio Rebulir da Cultura Galega.