Conversa co artista Carlos Bunga

21 xuñ
17:00 h
Fundación RAC, Pontevedra
Conversa co artista Carlos Bunga

O traballo de Carlos Bunga (1976, Porto, Portugal) expón unha reflexión sobre a fraxilidade e a transitoriedade das estruturas que habitamos, xa sexan arquitectónicas, sociais ou simbólicas. Por medio de materiais efémeros coma cartón, cinta adhesiva e mobles reutilizados, crea arquitecturas precarias que convidan a imaxinar novas formas de habitar máis abertas, sensibles, sostibles e humanas. A través das súas instalacións, pinturas, esculturas e películas, que inclúen unha dimensión performativa na que se percibe a acción de construír e destruír, Bunga desafía a rixidez das estruturas fixas e propón sistemas máis flexibles, onde a fraxilidade e a inestabilidade son un punto de partida para o cambio. A súa obra é profundamente política, unha invitación para repensar como habitamos e que podemos construír se nos afastamos da monumentalidade e das estruturas permanentes que reflicten o poder para propoñer, no seu lugar, arquitecturas temporais, móbiles e sensibles á contorna.

Nas súas pezas para a Bienal de Pontevedra, Carlos Bunga rescata a experiencia da Ciudad de los Muchachos de Benposta (Ourense), unha cidade-circo autoxestionada que, durante a Ditadura franquista, xurdiu como unha forma de resistencia cotiá.