Vasco Araújo: Libertas - Da condição de pessoa livre

Espectáculo. Duración: 40 min
Libertas - Da condição de pessoa livre busca cuestionar a idea de liberdade do ser humano, que pode falar, e as fronteiras que existen constantemente entre sociedades, clases, grupos e individuos. Estes enfrontamentos case sempre resultan en espazos e accións opresivas dun grupo dominante sobre outro, onde se desenvolve unha cadea de accións-reaccións que nos lembra as vellas relacións entre homes e mulleres, conservadores e liberais, colonizadores e colonizados, amos e escravos.
Para este espectáculo realízase unha convocatoria aberta e pensada para que participen todas as persoas interesadas, residan ou non en Pontevedra ou arredores. O artista Vasco Araújo (1971, Lisboa, Portugal) convida a todas e todos a unirse a un coro afeccionado pero organizado para cantar o "Coro dos escravos" da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi. Esta pasaxe musical segue sendo un dos himnos contra a opresión desde que Lombardía (a provincia italiana do Imperio austrohúngaro) aspiraba á liberdade en 1842. A actuación é coma unha marcha-protesta onde as e os participantes realizan un percorrido pola cidade e poden chegar, ou non, en barco a algunha das sedes. Recoméndase que todas as persoas vaian vestidas totalmente de branco.
Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.
Entrada libre ata completar a capacidade.